A reactivación das obras na Catedral de Santiago non permitirá que estan acabadas o 1 de xaneiro

As actuacións pendentes de abordar e tecnicamente máis complexas correspóndense coas cubertas da nave maior e do claustro, a fachada da Quintana e a Porta Santa e a Torre da Vela.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2020 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, mantivo este mércores unha reunión co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, na que analizaron o reinicio das obras no templo compostelán, tras o parón da COVID-19. Aínda que as intervencións avanzan a "bo ritmo", o conselleiro admitiu que algunhas "non poderán estar terminadas" para o 1 de xaneiro, inicio do Ano Santo 2021.

O conselleiro explicou que as obras de rehabilitación están desde hai 15 días todas en execución e que "só falta unha por licitar", a da Torre da Vela, que é de "entidade menor". Román Rodríguez sinalou que as intervencións "están a avanzar a un ritmo positivo", con "algunha limitación vinculada ás subministracións e á distancia de seguridade", ante a meta do próximo Ano Santo.

Con todo, o conselleiro admitiu que "haberá actuacións no tempo que non poderán estar terminadas" o 1 de xaneiro, aínda que 2parece que non interferirán coa actividade" da Catedral no Xacobeo 21.

Román Rodríguez quixo agradecerlle á Fundación Catedral e a todas as empresas que están a traballar no Templo o seu labor e garantiu que "se está facendo un gran esforzo para minimizar o impacto da grave crise" que atravesa todo o mundo.

CONSERVACIÓN E XESTIÓN SUSTENTABLE

Este mércores asinouse tamén un convenio adicional entre a Xunta e a Fundación Catedral, polo que o Goberno galego inviste 750.000 euros para levar a cabo actuacións puntuais na fachada á rúa Fonseca, na torre do reloxo, na cuberta da capela da Comuñón e nas capelas penitenciales e absidais. A previsión, polo carácter das obras, é que poidan estar terminadas a finais de ano.

Das obras previstas ao amparo dos convenios levados a cabo entre o Goberno do Estado, a Xunta de Galicia, o Cabido e a Fundación Catedral, e que mobilizaron desde 2015 un investimento total de 17 millóns de euros, as actuacións pendentes de abordar e tecnicamente máis complexas correspóndense coas cubertas da nave maior e do claustro, a fachada da Quintana e a Porta Santa e a Torre da Vela.

Na primeira, relativa ás cubertas da nave maior e do claustro, a execución está en marcha; mentres que a segunda, a da fachada da Quintana e da Porta Santa, acaba de ser contratada e concentrará polo momento todas as actuacións na Porta, para que estea lista ao comezo do Ano Santo. Finalmente, a torre da Vela está pendente de licitación, pero aínda en prazo, segundo a planificación da obra para concluír antes de 2020.

Catedral de Santiago, Praza do Obradoiro. CONCELLO DE SANTIAGO - Arquivo
Catedral de Santiago, Praza do Obradoiro. CONCELLO DE SANTIAGO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta