Santiago busca situarse como destino "seguro, familiar e de congresos" para reactivar o turismo

Propón 700.000 euros en medidas como paquetes turísticos, potenciar o 'Santiago(é)Tapas' ou campañas de promoción cara ás zonas próximas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2020 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

O Goberno local de Santiago deu a coñecer os seus primeiros plans dirixidos especificamente cara á reactivación da actividade turística da cidade, con medidas encamiñadas a situarse como destino seguro, familiar e para incentivar a celebración de congresos, sobre todo aqueles que se aprazaron, ofrecendo fórmulas mixtas que combinen a presencialidade coa participación virtual.

Todo iso parte dun documento con diversas liñas de actuación e medidas dotado dun investimento inicial de 700.000 euros e que obrigará a modificar a reconfigurar o orzamento de Incolsa, a empresa municipal de xestión turística, con novas achegas e analizando as accións dirixidas ao exterior, como a participación en feiras, que non se puideron realizar.

O 'Plan de accións especiais de promoción e apoio a desenvolver dende Turismo de Santiago diante da situación de crise provocada non sector pola pandemia da COVID-19' foi presentado este mércores en rolda de prensa por parte do concelleiro responsable do ramo, Sindo Guinarte, e ratificado na xunta de goberno municipal e polo propio consello de administración de Incolsa.

Estas accións, dirixidas especificamente ao sector, acompañan así a outras medidas e plans impulsados para a promoción económica, do emprego, fiscais e de crédito a autónomos e pequenas e medianas empresas, e á espera dos protocolos que se elaboren desde a Xunta ou o Estado, respectivamente.

DESTINO ACOLLEDOR

Para iso consultouse co sector a través de entidades representativas, como a Asociación Hostalaría Compostela ou o Foro Profesional que conta coa implicación dos diversos actores do turismo (restauración, hoteis, guías, axencias de viaxes, operadores e organización de congresos), ademais doutras institucións.

O obxectivo xeral do plan, que fixa tres liñas de actuación, é a recuperación do posicionamento de Santiago como "destino turístico de calidade, acolledor" e "transmitir unha imaxe de cidade segura" desde o punto de vista hixiénico sanitario.

A primeira parte incide nunha monitorización da situación e na necesidade de coñecer os límites de acción tanto en Santiago como nos mercados emisores de visitantes, de cara á elaboración de campañas e estudos específicos para coñecer a demanda de viaxeiros.

Doutra banda, proponse unha serie de medidas de captación, recuperación turística e posicionamento da cidade, como unha campaña audiovisual a través de pezas de vídeo na súa páxina web, denominada 'Ultreia'.

VIAXES FAMILIARES

Guinarte explicou que "todo apunta" a que esta recuperación irá encamiñada "ás viaxes familiares", e non en grandes grupos e aglomeracións. Ademais de patrimonio, cultura, gastronomía e arquitectura, os elementos centrais de captación será o ecoturismo, os recursos verdes, xardíns e miradoiros, e situar á cidade como "destino familiar e inclusivo". Tamén se impulsase unha axenda virtual, e manterase "permanente contacto" coas compañías aéreas para "tentar, canto antes, recuperar a normalidade" neste ámbito.

As liñas de apoio ao sector farán fincapé na reactivación do turismo 'Mice', con parte presencial/en liña, a través da prestación de axuda e formación neste sentido. Tamén se creará un plan de captación e apoio a congresos e xornadas para os eventos aprazados, para tratar de reactivar este "ámbito estratéxico".

Un cortador de xamón prepara tapas .. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo
Un cortador de xamón prepara tapas .. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta