As emisións de CO2 das centrais de carbón galegas diminuíron o 75,2% en 2019

A pesar da baixada da súa actividade, a central térmica de carbón das Pontes (Endesa) "volveu ser, con diferenza, a industria que máis contribúe á crise climática" en Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2020 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

As emisións de dióxido de carbono (CO2) das centrais de carbón situadas en Galicia caeron o 75,2% en 2019 con respecto a 2018, baixando de 10,1 a 2,5 millóns de toneladas, segundo un informe da plataforma Galiza sen Carbón.

Os datos desta asociación indican que a central de carbón das Pontes (Endesa) emitiu 2,3 millóns de toneladas durante 2019, fronte aos 7,9 millóns de 2018; e que "maior aínda foi a redución na central de Meirama" (Naturgy), que baixou a súa achega de CO2 desde 2,2 millóns de toneladas en 2018 a 0,2 o ano pasado.

Esta caída das emisións de CO2, "o principal gas de efecto invernadoiro causante da crise climática", apuntan, foi motivada "pola diminución nun 71,6% da produción eléctrica con carbón".

A diminución das emisións de CO2 das térmicas de carbón en Galicia foi paralela á rexistrada en toda a UE, aínda que superior tanto á media europea (-24,3%) como á española (-59,4%). Esta circunstancia, destacan desde a plataforma, aproxima "as emisións de gases de efecto invernadoiro por habitante en Galicia á media da UE", unha cifra habitualmente "moi superior".

Con todo, apuntan, a caída na produción das centrais de carbón en 2019 non foi compensada pola produción de máis electricidade renovable, se non "polo descenso no consumo e na exportación neta de electricidade e máis polo aumento da actividade das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa)".

A pesar da baixada da súa actividade, a central térmica de carbón das Pontes (Endesa) "volveu ser, con diferenza, a industria que máis contribúe á crise climática" en Galicia, unha infraestrutura que a compañía mostrou "a súa intención de pechar no segundo semestre de 2021", pero que "Xunta, Goberno estatal e Parlamento autonómico presionan para que se alongue a súa vida", critica Galiza sen Carbón.

Piquetes situados nas proximidades ao acceso a Endesa nas Pontes.. EUROPA PRESS - Arquivo
Piquetes situados nas proximidades ao acceso a Endesa nas Pontes.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta