A Xunta pagará o aluguer de 700 familias que reciben o bono de axuda social ata final de ano

A oposición tacha de "insuficiente" esta medida e apunta a "regular os prezos do mercado" en lugar "estar ao lado de quen especula coa vivenda e fai negocio". Doutra banda, o Goberno galego anuncia que queimou 5 toneladas de residuos sanitarios derivados da crise sanitaria, o que tamén provocou as críticas da oposición polo seu "custo ambiental".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2020 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia prevé pagar ata final de ano o aluguer de vivenda de todas aquelas familias que dispoñan dun bono de axuda social para facer fronte a este gasto, 700 en total. Unha medida que todos os grupos da oposición do Parlamento galego tacharon de "insuficiente" este mércores na sesión da Deputación Permanente celebrada no Pazo do Hórreo.

Alí, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou que esta medida se cingue a "garantir o acceso á vivenda" para os galegos que se atopen nunha situación de vulnerabilidade. Mentres tanto, tamén subliñou a relevancia doutras decisións que camiñan no mesmo sentido, como o adiamento dos pagos de alugueres de vivendas e locais de propiedade autonómica "ata o final do estado de alarma".

Sobre o adiamento dos alugueres, Ángeles Vázquez destacou que esta medida beneficiará a 3.500 familias que habitan en fogares de propiedade autonómica e a 42 locais comerciais que pertencen ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGSV).

A oposición criticou que o Goberno galego opte por "aprazar" o pago destes alugueres en lugar de actuar como o fixeron "outras comunidades", que decidiron exonerar os inquilinos" deste abono mensual. O deputado do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez considera que os pasos da Xunta non son suficientes e a deputada do BNG Ana Pontón acusa a Administración autonómica de "non actuar acorde ás dimensións do problema".

Na súa quenda de palabra, Pontón cuestionou á conselleira sobre cando "se lle pasará a factura" dese aluguer ás familias afectadas e que sucederá "se non teñen ingresos". Pola súa banda, o deputado de En Marea Davide Rodríguez explica que "non se pode deixar a rede de solidariedade en mans dos especuladores, porque iso está destinado ao fracaso".

En canto á posición do PSdeG, Gonzalo Caballero cualificou de "nefasto" o balance en materia de vivenda de "estes 11 anos de goberno" do Partido Popular. Ao seu xuízo perpetuáronse "fallos e incumprimentos" en vivenda pública, mentres que o deputado do PP Gonzalo Trenor valorou as "boas medidas" que se impulsan durante o estado de alarma "a pesar da pouca axuda recibida" do Executivo estatal.

OUTRAS MEDIDAS

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente adiantou que o IGSV convocará as axudas extraordinarias ao aluguer creadas polo Goberno central, "a pesar de que o Estado aínda non transferiu os fondos" para financiar estas axudas. Vázquez criticou a "demora" desde Moncloa e puxo en valor que a Xunta "porá en marcha actuacións e medidas para activar a economía", como na compra de vivenda protexida, que chegarán aos 20.000 euros para unidades familiares con ingresos inferiores a 4,5 veces o IPREM e que estarán dotadas con 5 millóns de euros.

Na súa comparecencia, a conselleira tamén puxo o foco na "reactivación económica", que virá da man co "apoio dos empresarios" que atravesan dificultades, aos que se concederá "unha carencia de 12 meses do canon das parcelas do IGVS e de Xestur xa adxudicadas".

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Sobre estes asuntos, Ana Pontón censurou que a conselleira explicase "medidas que xa existían", o que evidencia "a falta de capacidade para afrontar a crise, medidas insuficientes e fracasadas nun contexto" que "require ambición de país".

Pola súa banda, En Marea cre que se deixan moitos asuntos no tinteiro que non responden as persoas que se atopan en risco de exclusión social, a "maioría delas con problemas en materia de vivenda". Ademais, Antón Sánchez censurou a "falta de políticas" destinadas á "creación de vivenda publica" e apunta a "regular os prezos do mercado" en lugar "estar ao lado de quen especula coa vivenda e fai negocio".

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, comparecendo no Parlamento. XOAN CRESPO / XOÁN CRESPO / Europa Press
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, comparecendo no Parlamento. XOAN CRESPO / XOÁN CRESPO / Europa Press

QUEIMA DE RESIDUOS SANITARIOS

Doutra banda, a conselleira de Medio Ambiente tamén informou de que as instalacións de Sogama acolleron a incineración de máis de cinco toneladas de residuos sanitarios procedentes das diferentes áreas sanitarias e as residencias integradas desde que se iniciou o estado de alarma e froito da pandemia. Os grupos da oposición criticaron o "custo ambiental" e o "risco" que supón esta decisión.

Con todo, a conselleira explicou que o Goberno central "botaba a pelota encima dos concellos para que fixesen o que lles dese a gana cos residuos" e que a Xunta "realizou unha interpretación xurídica" do Real Decreto para "que os concellos estivesen tranquilos". Así, as dúas opcións que se postulaban para os residuos sanitarios de baixo risco derivados da crise do coronavirus (como EPIs, máscaras, luvas ou calzas) pasan por "depositalos nun vertedoiro ou incineralos", polo que se optou pola segunda opción.

Desta maneira "non hai risco de contaxio, os recursos van embalados" e os traballadores que os manexan "contan con formación" para que ninguén estea en perigo, argumentou Vázquez.
No mesmo sentido pronunciouse o deputado do PP Gonzalo Trenor, quen "aposta pola xestión de residuos" de maneira "eficiente", xa que "é a fórmula que emite menos gases de efecto invernadoiro porque se complementa co pretratamiento" dos residuos.

Pola súa banda, a oposición rexeita este modelo e Ana Pontón (BNG) considera necesario o "cambio de rumbo en relación co tratamento dos residuos" en lugar de optar "polo máis barato, a pesar de ter risco para os traballadores, a cidadanía e o medio ambiente". Pontón critica "o terraplanismo do PP" polo que "incinerar non xera gases invernadoiros", mentres que Gonzalo Caballero (PSdeG) reclama "máis información" sobre o proceso que se está levando acabo neste sentido.

CAZA

Por outra banda, respecto da xestión do medio ambiente, a conselleira tamén destacou as batidas de caza de xabarís que se autorizaron por parte da CECOP para "reducir o risco" de accidentes nas estradas e a desfeita dos cultivos".

Esta medida tamén recibiu críticas da oposición, que consideran que a Consellería só se dirixe ao "lobby cinexético" para establecer diálogos e abandona as necesidades doutras organizacións ambientais. Tanto BNG, como En Marea e Grupo Común da Esquerda apuntou a "reflexionar" sobre a xestión da biodiversidade e a protección dos espazos naturais.

Mentres tanto, Vázquez Mejuto sinalou que a directora xeral de Patrimonio Natural estivo en contacto "con todo tipo de organizacións", pero "hai algunhas noticias que saen e outras que non".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta