A Xunta ten tamén que paralizar a distribución de 12.000 das súas máscaras por defectuosas

Presentou unha reclamación ao provedor para que as repoña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2020 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

A Xunta inmobilizou na súa plataforma de distribución, antes de ser remitidas a ningunha das áreas sanitarias, 12.000 máscaras que non cumprían coas especificacións requiridas para ser utilizadas e presentou unha reclamación ao provedor para que as repoña.

As máscaras inmobilizadas correspóndense con dous modelos dos que o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo alertou de que non cumprían as especificacións de filtrado requiridas para ser empregadas.

Trátase, en concreto, do modelo Elite EB09.04 (FFP3) e dun lote das KN95 Mask Purvigor (FFP2). O Servizo Andaluz de Saúde informou tamén este martes de que algunhas destas máscaras foran adquiridas e distribuídas alí e procedeu a retiralas.

No caso de Galicia, fontes do Sergas precisaron a Europa Press que, efectivamente, se detectou un lote de 12.000 máscaras que non cumprían os criterios esixidos e que se atopaban na plataforma de distribución da Xunta. Por iso, foron xa inmobilizadas e non chegaron ás áreas sanitarias para o seu uso.

Dado que estas máscaras corresponden a unha adquisición por parte do Executivo galego e non do Goberno central, foi a Xunta a que "inmediatamente" interpuxo unha reclamación ante o provedor para esixir que se repoñan as unidades nas condicións esixidas.

Máscaras de quirófano e material cirúrxico. EUROPA PRESS - Arquivo
Máscaras de quirófano e material cirúrxico. EUROPA PRESS - Arquivo

SUMA 4 MILLÓNS DE MÁSCARAS ENTREGADAS A EMPRESAS E AUTÓNOMOS

A Xunta entregou ao redor de 4 millóns de máscaras a empresas e autónomos de Galicia en colaboración con clústers e asociacións de empresarios que coordinaron a demanda e a repartición de material de protección para evitar contagios por COVID-19.

Precisamente, este mércores o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuníronse por vía telemática con clústers e asociacións de empresarios galegos que canalizaron a repartición destes produtos, segundo trasladou Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En concreto, a entrega de material levouse a cabo desde o 16 de abril a través da plataforma loxística da Xunta (Clonegal), responsable dos envíos que non se destinan a centros sanitarios.

Así, repartíronse uns 4 millóns de máscaras, o dobre da cifra proposta inicialmente, para dar resposta á dificultade de empresas e autónomos para adquirilas a un prezo adecuado no mercado. De feito, estes produtos foron facilitados polo importe abonado polo Goberno galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta