Diminución do ruído en Galicia entre un 60 e un 70% durante o estado de alarma

Os datos preliminares solicitados por Meteogalicia, o impacto a nivel acústico durante as dúas primeiras quincenas de confinamento foi moi similar, cunha diminución media dos niveis de ruído de entre 4 e 5 decibeis.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2020 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

Os datos rexistrados nas últimas semanas pola Rede galega de estacións con sonómetros revelan que o confinamento da poboación e as restricións impostas pola COVID-19 está a ter "un impacto directo e moi significativo" no ruído ambiental da Comunidade, apunta Meteogalicia, que conclúe que diminuíu entre o 60% e o 70% neste período.

O organismo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, fixo público este mércores este avance do comportamento do ruído ambiental e a contaminación acústica durante o estado de alarma, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Concienciación sobre o ruído.

Segundo os datos preliminares solicitados por Meteogalicia, o impacto a nivel acústico durante as dúas primeiras quincenas de confinamento foi moi similar, cunha diminución media dos niveis de ruído de entre 4 e 5 decibeis

Así mesmo, o organismo público tamén deu a coñecer o seu Informe de Ruído Ambiental -o oitavo que elabora ata o momento e o quinto de carácter obrigatorio- e que constata para o ano 2019, en termos xerais, unha lixeira mellora dos datos obtidos na comunidade con respecto aos valores históricos.

Entre as principais conclusións, fai falta subliñar que, do mesmo xeito que en anos anteriores, o tráfico e os eventos de lecer "seguen sendo os principais axentes de contaminación acústica da comunidade". Neste sentido, o informe fai fincapé en que unha actividade de lecer, aínda que sexa puntual, "ten unha gran repercusión sobre os valores de ruído anuais, sendo un factor que dispara os índices de ruído no lugar no que se desenvolve, especialmente porque acontecen en horario nocturno".

A modo de exemplo, se se comparan os valores conseguidos por un temporal e os dun evento de lecer nunha zona residencial, os resultados "son claramente superiores no segundo caso en canto aos valores equivalentes".

Obras en estradas. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
Obras en estradas. DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta