A Xunta comparte que a desescalada se pilote desde o mando único, pero pide "concrecións" ao Goberno central

O vicepresidente Alfonso Rueda carga contra a xestión da crise do Executivo español, ao que acusa de actuar sen "lealdade" cara ás comunidades.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/04/2020 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

O número dous da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, cargou contra a xestión do Goberno da crise do coronavirus e, tras manifestar que o Goberno galego respecta que a transición cara á saída do confinamento e o reinicio das actividades económicas se pilote desde o mando único da Administración central, instou ao Executivo que preside Pedro Sánchez a trasladar "concrecións" sobre o proceso que, segundo Rueda, está a espertar "moito descoido" entre cidadáns e os sectores produtivos.

O vicepresidente de Galicia, Alfonso Rueda, durante a súa intervención na Comisión Xeral de Comunidades Autónomas celebrada no Senado a conta da xestión da pandemia da COVID-19
O vicepresidente de Galicia, Alfonso Rueda, durante a súa intervención na Comisión Xeral de Comunidades Autónomas celebrada no Senado a conta da xestión da pandemia da COVID-19 | Fonte: Europa Press

Así se pronunciou o vicepresidente do Executivo galego na súa intervención ante a Comisión Xeral das Comunidades Autónomas que iniciou en lingua galega e desculpando a ausencia do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, cuxa "única razón" para non acudir á Cámara Alta foi a celebración do Consello da Xunta no que se aprobou o loito oficial polas vítimas do coronavirus.

"Se non, non me cabe ningunha dúbida de que estaría hoxe aquí", engadiu Rueda que, xa en castelán, continuou cun recordo para os falecidos pola pandemia de Covid19 e cunha mensaxe de agradecemento para os profesionais da sanidade e o resto de actividades que permaneceron activas ao longo do último mes e medio.

Rueda, que destacou que a "radiografía" da situación sanitaria en Galicia continúa "preocupante, porque segue habendo pandemia, pero mellorouse moito", foi moi crítico coa xestión do Goberno desde o primeiro momento, afeando a falta de "anticipación" ao avance do virus malia os "avisos".

Neste sentido, acusou o Goberno de Pedro Sánchez de non actuar coa "lealdade" cara ás comunidades que, segundo Rueda, si mantivo a Xunta coa Administración central. "A lealdade ben entendida debe ser recíproca", defendeu Rueda, que insta o Goberno a rectificar e "escoitar" ás comunidades autónomas no proceso de transición cara á bautizada como 'nova normalidade'.

DESESCALADA

Alfonso Rueda, que interveu ante a Cámara Alta despois do portavoz do Goberno vasco, Josu Erkoreka, que defendeu o fin do estado de alarma para devolver as competencias ás comunidades, dixo que a Xunta comparte que se manteña o mando único para pilotar este proceso de desescalada no que o Executivo central debe achegar "claridade", "certezas" e "concrecións".

"Nunca discutimos e non o facemos agora o mando único, pero fan falta concrecións", incidiu Rueda sen mencionar a declaración do estado de alarma, aínda pendente de recibir o visto e prace do Congreso. De feito, o presidente Núñez Feijóo manifestou este mesmo xoves que é partidario de desactivar o estado de alarma.

Para o 'dous' da Xunta, "non é normal" que as comunidades autónomas coñezan as medidas do Goberno a través "das roldas de prensa", polo que, ante o proceso das próximas semanas, pediu "que se escoite ás comunidades". "É o que estamos a esperar", apostilou Rueda, quen criticou o plan presentado o pasado martes polo presidente Sánchez e que, ao seu xuízo, "está a xerar moito descoido".

"Din que non queren deixar a ninguén atrás, ben, pois moita xente está a dicir que con esta medida de desescalada está a empezarse a quedar atrás e poida que non poidan remontar", aseverou o vicepresidente galego.

DATOS DE INFECTADOS E FALECIDOS

Rueda recoñeceu que "probablemente" o número total de vítimas "nunca" se poderá coñecer con exactitude, pero afeou á Administración central que "diga que as comunidades non están a achegar os datos suficientes".

"A Xunta faino desde o primeiro momento e as cifras que damos non coinciden coas que despois vostedes dan como cifras de Galicia. Esa diverxencia terán que explicala desde o Goberno", aseverou Rueda, que destacou a "anticipación" das medidas tomadas pola Xunta.

Neste sentido, lembrou que as UCI en Galicia "non colapsaron", os hospitais galegos "aguantaron" e "non foron necesarios os hospitais de campaña, a pesar de que, por suposto, estaban planificados".

Por contra, lamentou que "se ignorasen avisos, algúns moi próximos" sobre o virus. "O mesmo Fernando Simón que nos di o que vai pasar e o que temos que facer, é o mesmo que a principios de marzo nos dicía que ía haber poucos contaxios e que non tiñamos que preocuparnos", sinalou Rueda, que tamén puxo o foco na "autorización" de "eventos masivos" cando existían "recomendacións" das autoridades europeas para que non se fixesen.

MATERIAL E RESIDENCIAS

Así mesmo, tamén censurou a subministración de repartición material sanitario e de protección, especialmente máscaras, por parte do mando único ao longo das últimas semanas e asegurou que as autonomías tiveron que enfrontarse á falta destes equipos en solitario.

"Díxosenos, en termos coloquiais, que nos apañáramos como puidésemos", asegurou Rueda, que afirma que os equipos de protección de hospitais, centros sanitarios, residencias "tanto públicas como privadas", concellos galegos e empresas "son os que forneceu a Xunta".

Por iso, esixiu ao Executivo central que responda se "ten pensado ter máis responsabilidade" á hora da repartición de material de protección "a medida en que se produza a desescalada e o uso de máscaras se empece a xeneralizar".

Ademais, acusou ao vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, de incumprir a súa palabra sobre as residencias, cuxa situación en Galicia Rueda deu por "controlada".

"(Iglesias) Atribuíuse as competencias en residencias e prometeu medios e coordinación. Tempo despois, a situación está controlada, pero débese á Xunta e aos profesionais, non desde logo á axuda da Administración central", engadiu Rueda, que agradeceu o labor do exército nas tarefas de desinfección dos centros de maiores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta