O Goberno de Santiago impulsa 410.000 euros en axudas para a reactivación do pequeno comercio

Aproba tres convocatorias de apoio con ese crédito inicial, que será ampliable ata un millón de euros

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2020 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

A xunta de goberno do Concello de Santiago aprobou tres das convocatorias de apoio ao comercio local do Plan Marco de Reactivación Económica, por un importe inicial de 410.000 euros que podería ampliarse ata o millón de euros.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou este xoves en rolda de prensa as tres liñas de axuda. A primeira delas, está dirixida ao comercio local, para sufragar xuros de operacións financeiras ás que tivesen que recorrer debido á emerxencia sanitaria e a obrigación do peche. O montante ascenderá a uns 100.000 euros, ampliables a 300.000.

A segunda das medidas estará destinada á mellora e a innovación, para tentar fomentar esta cultura no comercio local como ferramenta fundamental para incrementar a competitividade empresarial (comunicación, reforma, illamentos, etc.).

A convocatoria está dotada dun orzamento inicial de 210.000 euros, ampliables a 600.000.

Finalmente, impulsarase a concesión de 100 cheques de consultoría para acondicionamento de locais de negocio, asesoramento escaparatismo e mercadotecnia, comunicación comercial, mercadotecnia dixital, comercio electrónico ou innovación.

PLAN CULTURAL

Bugallo tamén avanzou a próxima presentación do plan de axudas destinado ao sector cultural, á espera de coñecer a proposta neste sentido do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galicia.

Neste sentido, o rexidor apostou por "esperar" a coñecer os pasos a dar e a normativa destas administracións, aínda que asegurou que o goberno local fará "a maior aposta posible" pola súa contorna, nun escenario "incerto" que requirirá de ir adaptándose á situación.

Xosé Sánchez Bugallo. AYUNTAMEINTO DE SANTIAGO - Arquivo
Xosé Sánchez Bugallo. AYUNTAMEINTO DE SANTIAGO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta