Sindicatos de Enfermaría e Médicos reclaman pactos para a reconstrución social e económica

A CIG denuncia "instrucións neglixentes" sobre a limpeza das ambulancias.

Por E.P. | A CORUÑA | 30/04/2020 | Actualizada ás 20:08

Comparte esta noticia

O Sindicato de Enfermaría (SATSE) e a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) reclamaron ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, así como aos responsables dos partidos políticos na autonomía, que se alcancen "pactos para a reconstrución social e económica" en Galicia.

"E que se conte coa participación dos profesionais sanitarios", sinalan nun comunicado no que mostran o seu interese por "compartir actuacións e medidas que suporían unha mellora na atención no Sergas".

Os responsables autonómicos da CESM e SATSE, Antonio Otero Pena e Carmen García Rivas, respectivamente, dirixíronse por carta ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, así como aos máximos responsables dos partidos políticos.

Tanto SATSE como CESM entenden, ademais, que a actual crise sanitaria "agravou problemas que xa existían no Sergas, como a falta de suficientes profesionais ou de recursos materiais e xerou outros novos, como a escaseza de equipos de protección individual ou de probas de detección da COVID-19, aos que hai que dar unha solución".

Pola súa banda, nun comunicado, o comité executivo de CESM Galicia trasladou unha "merecida homenaxe aos 41 profesionais sanitarios que perderon a súa vida en España a causa do coronavirus, por contraer a infección mentres se atopaban exercendo a súa profesión", coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Traballadores.

O sindicato médico, nunha carta aberta, estende o seu recoñecemento a todos os sanitarios "que desde o primeiro momento se enfrontaron a un 'inimigo letal' como é a COVID-19 e, moi especialmente, aos máis de 40.000 profesionais que sofren a infección, dos que máis de 1.200 se atopan en Galicia".

DESINFECCIÓN DE AMBULANCIAS

Mentres, a CIG denunciou a existencia dunhas instrucións "neglixentes" por parte do Sergas e a Fundación 061 ao sector de ambulancias que, ao seu xuízo, poñen en risco "a seguridade do persoal e dos usuarios".

En concreto, asegura que se deu instrución ás empresas para facer a desinfección das ambulancias coas máquinas de ozono "cando desde o Ministerio de Sanidade advertiron deste método, sen outro tipo de limpeza, non está autorizado pola UE como biocida".

"A limpeza tense que facer utilizando biocidas aplicados sobre as superficies e despois, a maiores se o indica a empresa, empregar o ozono", sostén. Con todo, asegura que, por mor da citada instrución, "moitas empresas limítanse a usar as máquinas de ozono". Por iso, piden á Xunta novas instrucións e que exerza un control sobre as empresas.

Por outra banda, sobre as máscaras retiradas por defectuosas, denuncia que se repartiron nestas empresas de ambulancias e algunhas "xa se estaban utilizando cando se deu orde de retiralas". Tamén afea ao Goberno galego que non se realizaron os test "prometidos" entre persoal deste sector.

Persoal Sanitario durante uns aplausos © Miguel Nuñez
Persoal Sanitario durante uns aplausos © Miguel Nuñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta