A oposición denuncia a falta de camas suficientes en hospitais polos "anos de recortes" de Feijóo

Galicia contaba en 2018 con 8.975 camas en funcionamento en hospitais do Sergas, o que supón 30 menos que en 2017 --había 9.005-

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2020 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

Os portavoces dos principais grupos da oposición atribuíron este luns o feito de que os hospitais galegos non conten coas camas "suficientes" que Goberno do Estado esixe para que unha comunidade poida pasar de fase na desescalada aos "anos de recortes" en sanidade por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

En concreto, o Ministerio de Sanidade esixirá ás comunidades autónomas que poidan ter listas no prazo de cinco días entre 1,5 e 2 camas en Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e entre 37 e 40 camas de enfermos agudos por cada por 10.000 habitantes, no caso de que se producise un rebrote de coronavirus.

Este é un dos criterios de obrigado cumprimento por parte das autonomías para que o Executivo estatal poida entrar a valorar as súas propostas para a desescalada e que aparece recollido nunha orde ministerial de cogobernanza publicada o domingo no Boletín Oficial do Estado.

Segundo os datos publicados o pasado xoves polo Instituto Galego de Estatística (IGE), Galicia contaba en 2018 con 8.975 camas en funcionamento en hospitais do Sergas, o que supón 30 menos que en 2017 --había 9.005--. Aínda que nas instaladas hai unha alza de 41 en 2018, ata un total 9.978, as que están en funcionamento baixan a 8.975, de forma que supoñen case 900 menos que as que había unha década antes, pois en 2009 eran 9.863.

A OPOSICIÓN VINCÚLAO AOS RECORTES

Respecto diso, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou ao tamén líder do PPdeG de recortar en "orzamentos", en "persoal", en Atención Primaria e en camas hospitalarias durante os seus 11 anos á fronte da Xunta de Galicia. "Toda Galicia sábeo", subliñou.

"Os recortes, a falta de camas en UCI que fai que non cumpramos os mecanismos para seguir as fases dunha forma máis veloz é responsabilidade dunha Xunta que dicía hai un mes que as camas eran moi importantes nos hoteis e non tanto nos hospitais", denunciou.

Nesta liña, o portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, subliñou que a súa formación leva tempo dicindo que é necesario "facer un esforzo en abrir camas" nos hospitais e criticou os "recortes" en sanidade realizado polo Goberno do PP na Comunidade galega.

Tamén puxo en cuestión que o titular da Xunta "en ningún caso" aceptara o ofrecemento da patronal da sanidade privada que "dixo que puña a disposición" de Galicia "recursos". Fronte a iso, censurou que Feijóo optou por "unha incorrecta posta en marcha duns hospitais de campaña que non se tiveron que empregar", manifestou.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, evidenciou que a situación das camas "demostra os recortes da sanidade pública" e reclamou "traballar" para contar cunha "estrutura pública" de hospitais, fronte a hospitais de campaña.

Feijóo xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, nunha sala de urxencias
Feijóo xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Almuiña, nunha sala de urxencias | Fonte: xunta.gal

PP

Mentres, ao ser preguntado en rolda de prensa este luns, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, matizou que os datos só falan das "oficiais que normalmente están en uso" e, neste sentido, Galicia "está lixeiramente por baixo".

Respecto diso, Puy asegurou que se interesou persoalmente por esta cuestión e dixo que "non ten a menor dúbida" de que Galicia "vai cumprir este criterio" na marxe de 5 días que dá o Boletín Oficial do Estado (BOE) para contar co cociente solicitada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta