Máis de 220 denuncias nas cidades galegas no primeiro fin de semana con saídas

Á cabeza no número de denuncias estivo a cidade de Vigo, con 104 propostas de sanción (41 o sábado e 63 o domingo).

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 04/05/2020 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

As policías locais das principais cidades de Galicia tramitaron nos últimos días máis de 220 denuncias a outras tantas persoas por incumprir algunha das determinacións do estado de alarma ou as condicións das saídas establecidas no primeiro fin de semana no que se permitiron paseos ou práctica individual de deporte con limitación horaria, desde que se decretou a alerta sanitaria pola pandemia de coronavirus.

Así, desde este sábado, establecéronse determinadas pautas para permitir a saída da poboación das súas casas, como medida de 'alivio' do confinamento. Para iso, fixáronse franxas horarias tanto para os paseos como para a práctica de deporte de forma individual, co fin de evitar posibles aglomeracións e facilitar as medidas de distanciamento social que reduzan o risco de contaxio.

Segundo eses criterios, permitiuse desde o sábado a práctica de deporte e os paseos (para persoas entre 14 e 70 anos de idade) entre as 6,00 e as 10,00 horas, e entre as 20,00 e as 23,00 horas; mentres que as persoas maiores de 70 anos puideron saír entre as 10,00 e as 12,00 horas, e entre as 19,00 e as 20,00 horas. Para as saídas dos nenos menores de 14 de anos, reservouse a franxa de 12,00 a 19,00 horas.

Fontes dos principais concellos trasladaron a Europa Press que este fin de semana, coincidindo con esas novas condicións nas saídas, tramitáronse 223 propostas de sanción, aínda que non todas estiveron relacionadas co incumprimento deses horarios.

Á cabeza no número de denuncias estivo a cidade de Vigo, con 104 propostas de sanción (41 o sábado e 63 o domingo). Segundo explicou o alcalde, Abel Caballero, en rolda de prensa, algunhas desas multas tramitáronse por "facer un mal uso das zonas de esparexemento", por saídas fóra do horario estipulado, por práctica deportiva fóra do horario (o caso dun submarinista) ou por non respectar as limitacións no número de ocupantes dos vehículos.

Na Coruña, a policía local tramitou, entre o sábado e o domingo, 42 propostas de sanción. Delas, polo menos 15 tiveron que ver con incumprimentos dos horarios establecidos para os paseos por grupos de idade e para a práctica de deporte.

Na cidade de Ourense, a súa policía local tramitou 33 propostas de sanción, fundamentalmente por incumprir os horarios dos paseos ou por outros desprazamentos non xustificados; mentres que en Pontevedra foron 14 propostas de sanción, e en Lugo e Santiago tramitáronse 13 denuncias respectivamente.

A cidade con menos denuncias o pasado fin de semana foi Ferrol. Segundo fontes municipais, a policía local realizou 4 denuncias, por saídas fóra de horario e por incumprir as restricións de ocupantes nun vehículo.

Xente en Vigo no primeiro fin de semana de saídas por franxas horarias e idades © Miguel Núñez
Xente en Vigo no primeiro fin de semana de saídas por franxas horarias e idades © Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta