"Os xuíces que o desexen" poderán traballar de forma presencial sempre e cando cumpran as normas sanitarias

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aclara que "non se trata de ningunha obriga" e que os que queiran poden seguir co teletraballo agás casos de servizos esenciais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2020 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) permite que "todos os xuíces que o desexen" poden traballar de forma presencial nos xulgados ante a evolución da crise sanitaria. No entanto, lémbralles que deben cumprir as indicacións da normativa sanitaria.

Xulgados de Santiago
Xulgados de Santiago | Fonte: Europa Press

O TSXG explicou que "a evolución da crise sanitaria provocada pola COVID-19 provocou que a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deixe sen efecto o sistema de quendas presencial aprobado o 15 de marzo e que se permita a todos os xuíces e xuízas que así o desexen a posibilidade de traballar de forma presencial".

Neste sentido, aclarou o alto tribunal galego que "non se trata de ningunha obriga" e "quen decida seguir teletraballando, como se fixo desde o inicio do confinamento, pode facelo, sempre que cumpra coas esixencias de presencialidade derivadas dos servizos esenciais".

A Sala de Goberno facultou aos xuíces decanos, aos presidentes das audiencias provinciais e ao presidente das salas do TSXG para organizar o proceso de incorporación en réxime presencial dos xuíces e maxistrados.

"Quen opten por traballar de forma presencial deben cumprir as indicacións e prevencións sanitarias que se recollen na 'Guía de boas prácticas para a reactivación da actividade xudicial e adopción de medidas de saúde profesional para a prevención de contaxios en sedes xudiciais', aprobada polo Consello Xeral do Poder Xudicial o 29 de abril", subliñou.

Estas normas, engade o TSXG, "deberán observarse tamén en todos os actos procesuais". Ademais, as deliberacións nos órganos colexiados "faranse, sempre que sexa posible, de modo telemático, e a firma das resolucións farase a través do portasinaturas", abundou.

PREFERENTE

A partir deste luns, e mentres se manteña o estado de alarma, tramitaranse e resolverán de forma preferente asuntos como os procedementos nos supostos de servizos esenciais; a impugnación dos ERTE a que se refire o artigo 23 do Real Decreto-Lei 7/2020, de 17 de marzo, que se tramitará conforme á modalidade procesual de conflito colectivo; así como o procedemento especial e sumario en materia de familia regulado nos artigos 3-5 do Real Decreto Lei 16/2020, de 28 de abril (que se manterá con este carácter preferente ata tres meses despois da finalización do estado de alarma).

A eles súmanse os incidentes concursais e demais actuacións previstas no artigo 14 do Real Decreto Lei 16/2020, de 28 de abril (que se manterá con este carácter preferente ata que transcorra un ano desde a declaración do estado de alarma).

Durante este período temporal, segundo resolveu a Sala de Goberno do Tribunal Superior, "tramitaranse e resolverán os demais procedementos na medida que non o impida a suspensión dos prazos procesuais", concluíu o TSXG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta