Vigo, sexta cidade en España onde máis caeu a contaminación e A Coruña, undécima

Un informe de Ecologistas en Acción calcula unha caída do 64% en Vigo e do 59% na Coruña durante o estado de alarma.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 04/05/2020 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

A contaminación do aire urbano de Galicia caeu un 65,5% entre o 14 de marzo e o 30 de abril coincidindo co período de confinamento, tal e como reflicte o informe 'Efectos da crise da COVID-19 na calidade do aire urbano de España', elaborado por Ecologistas en Acción.

Rúa Pi y Margall en Vigo baleira polo estado de alarma
Rúa Pi y Margall en Vigo baleira polo estado de alarma | Fonte: © Miguel Núñez.

Para cuantificar estes datos, o estudo analizou os datos oficiais de dióxido de nitróxeno recollidos nas estacións urbanas de medición da calidade do aire existentes nas cidades da Coruña e Vigo durante os meses de marzo e abril de 2020, e comparounos cos dez anos anteriores.

Con iso, o informe cuantifica que, durante o período de alarma, a contaminación do aire urbano caeu un 61,5% de media, un descenso máis acusado en Vigo (64%) que na Coruña (59%).

A mellora da calidade do aire en Galicia "está a ser xeral, tanto nos centros das cidades como nas periferias urbanas", apunta a asociación, en sintonía coas medidas xerais de limitación da circulación adoptadas.

Tampouco se detectan "grandes diferenzas" entre as diversas prórrogas do estado de alarma, nas que se aplicaron restricións de diversa intensidade, aínda que a caída da contaminación foi algo superior na media do mes de abril (60% na Coruña e 66% en Vigo) que na segunda quincena de marzo (57% na Coruña e 60% en Vigo).

Os niveis rexistrados durante o estado de alarma "son os máis baixos para os meses de marzo e abril" da media de toda a década en ambas as cidades. Ademais, explican os ecoloxistas, "mantéñense moi por baixo do valor límite legal e a guía anual da Organización Mundial da Saúde (OMS)".

No total, das 26 cidades españolas de máis de 150.000 habitantes analizadas, as galegas atópanse entre as que se rexistraron maiores descensos. Vigo (64%) foi a sexta cidade onde máis caeu a contaminación, mentres A Coruña (59%) foi a undécima.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Máis cedo que tarde volveremos a encher as rúas de coches... e cando chegue a calor do verán alguén lembrará que antes en Vigo tiñamos sombras (?) Os alcaldes prepotentes son igualiños cos presidentes de goberno prepotentes... pan para hoxe e fame para mañá ! https://twitter.com/00Gamela/status...