A Delegación do Goberno destaca que se están dando pasos prudentes de cara a normalidade

Remarca que as forzas de seguridade centraron o seu labor na actividade informativa para aclarar as horas de saída a cada colectivo e as condicións dos paseos ou o deporte.

Por E.P. | | 04/05/2020 | Actualizada ás 19:14

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, subliñou o "excelente comportamento" da poboación galega no inicio da fase cero da desescalada. Fíxoo tras o primeiro fin de semana en que se permitiu pasear e facer deporte a toda a poboación e no primeiro día de reapertura do pequeno comercio.

Tras contactar coas persoas ao mando da Policía Nacional, a Garda Civil e numerosas policías locais a través das subdelegacións, Javier Losada subliñou que durante o fin de semana o cumprimento da nova normativa foi "moi alto".

Respecto diso, a Delegación do Goberno en Galicia remarca que as forzas de seguridade centraron o seu labor na actividade informativa para aclarar as horas de saída a cada colectivo e as condicións dos paseos ou o deporte.

Ademais, indica que nesta xornada, coa reapertura do pequeno comercio, as forzas de seguridade confirmaron que "continúan respectándose as normas". "Grazas á gran conciencia cívica da poboación galega, a actividade volve ser eminentemente informativa", ademais da de repartición de máscaras que empezou este luns, con 835.500 destinadas a Galicia.

"PASO PRUDENTE"

Javier Losada destacou que as actuacións dos últimos días supoñen "un paso moi prudente e moi cauteloso cara á nova normalidade", dentro dun proceso "moi complexo", pero que demostrou que ten uns "mecanismos moi eficaces".

Por ese motivo apelou a continuar coa dinámica actual, "con conciencia social e cumprimento das normas, para evitar un paso atrás e asegurarse de seguir cara á nova normalidade". "Mellor non facer experimentos", dixo.

Nese sentido, lembrou que "cando se trata de defender o dereito á saúde e á vida, non hai ningunha alternativa, polo que é fundamental continuar co plan para pór fin á pandemia do COVID-19".

O delegado do Goberno, Javier Losada. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno, Javier Losada. DELEGACIÓN DO GOBERNO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

non ten tempo de asinar as multas do estado de excepción ! https://twitter.com/00Gamela/status...