Santiago traballa nun plan de reactivación do sector cultural con "actividades de pequeno formato"

O BNG pide que se destinen 1,5 millóns de euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2020 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

A concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago está a traballar xa nun plan de reactivación do sector cultural tras a crise da COVID-19, unha medida que reclamou este martes a portavoz do BNG, Goretti Sanmartín, que pediu que se destinasen a el 1,5 millóns de euros.

Mercedes Rosón e Xosé Antonio Sánchez Bugallo
Mercedes Rosón e Xosé Antonio Sánchez Bugallo | Fonte: Concello de Santiago.

A intención deste plan, segundo apuntou a concelleira, Mercedes Rosón, é "dar unha resposta efectiva, especializada e segmentada" da programación tanto en espazos como os públicos, un proxecto "composto por múltiples actividades de pequeno formato" e con "unha clara orientación social".

Isto, no entanto, debe ser construído en colaboración coas distintas áreas do goberno local e "sobre a base da seguridade". Por iso, Rosón instou a "ser prudentes" e non pechar nin presentar medidas "ata coñecer o marco legal e de seguridade no que se poden desenvolver", que debe ser ditado polo Goberno central e a Xunta.

"Non podemos reiniciar a actividade cultural se non se garanten as medidas de seguridade e hixiene necesarias. Temos que actuar con coherencia, dentro da certeza, e non xerar falsas expectativas nin lanzar medidas que despois non podamos cumprir", engadiu a edil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta