O PP de Betanzos esixe a dimisión de dous concelleiros do PSOE por "incumprir" o estado de alarma

Un deles pediu desculpas tras estar a tomar algo nunha nave de Protección Civil xunto a voluntarios, entre eles outro edil.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2020 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

O PP de Betanzos esixiu a dimisión de dous concelleiros socialistas deste municipio por "incumprir" o estado de alarma, tras as imaxes difundidas por redes sociais nas que se lles ve na nave que utiliza Protección Civil tomando algo con voluntarios.

Un dos edís, Andrés Panelo, estaba, de feito, como voluntario da Agrupación, segundo confirmou a Europa Press o responsable da mesma, Santiago Ois, que admitiu que non era "correcto" o que se vía nas imaxes, aínda que o situou no transcurso dunha cea das que celebran no descanso das súas tarefas.

O outro concelleiro, Andrés Teijo Hermida --que se encarga de supervisar os labores de Protección Civil en Betanzos-- desprazouse ao lugar para coordinar as funcións dos voluntarios e tomou algo con eles no lugar, segundo admitiu nun comunicado. Nel, precisou que non foi máis de "un cuarto de hora".

Este último, que precisou, como Protección Civil, que a súa presenza coincidiu coa cea que organizaban os voluntarios nesa nave --utilizada durante o estado de alarma-- pediu "desculpas" e "perdón" polo sucedido.

ARGUMENTOS DO PP

Tras as súas declaracións, o PP asegura que no comunicado este edil "recoñece o incumprimento da lei no referente ás restricións impostas polo estado de alarma". Por iso, afirma que "ten o deber de esixir a súa dimisión, así como a do concelleiro, Andrés Pandelo, por idénticos motivos".

"Como el mesmo recoñece, desprazouse ata o lugar dos feitos, reuniuse cun grupo de persoas, prohibido expresamente polo decreto de promulgación do estado de alarma, sen as medidas de seguridade oportunas".

A iso, suma o que aceptase a invitación a tomar algo. "Estes son motivos suficientes para que, nun exercicio de responsabilidade co concello de Betanzos e de dignidade persoal, presente con carácter irrevogable a súa dimisión como concelleiro".

O Partido Popular de Betanzos afirma tamén que a continuidade de Andrés Hermida e Andrés Pandelo "danan gravemente" o concello.

"A única forma digna que teñen estes dous cargos públicos do PSOE de asumir a responsabilidade do seu grave erro é a dimisión e a súa aceptación de maneira inmediata pola alcaldesa, María Barral", argumenta.

Captura dun vídeo onde se ve aos concelleiros do PSOE reunidos con outras persoas
Captura dun vídeo onde se ve aos concelleiros do PSOE reunidos con outras persoas

O BNG PIDE A REPROBACIÓN

Pola súa banda, o BNG pediu a reprobación dos dous concelleiros "e que se poñan a traballar de inmediato para sacar adiante Betanzos".

Desde esta formación, aseguran que "non é o momento de loitas electoralistas" e avoga por que o goberno local "resolva xa este tema". "Para porse a traballar de inmediato nas propostas necesarias para garantir a seguridade dos nosos veciños". Neste sentido, apela ás propostas presentadas por este grupo no ámbito social, cultural, comercial e educativo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta