Moitos restaurantes aprazan a súa reapertura: "Son miles as preguntas, estamos desconcertados"

Os servizos de comida a domicilio ou para recoller non se xeneralizan e moitos limítanse a certos días.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2020 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

Aínda que a fase cero da desescalada do estado de alarma lles permite renovar desde este luns a súa actividade de comida, café ou bebidas a domicilio ou para recoller, moitos restaurantes galegos acolleron os cambios con "prudencia" e preferiron aprazar polo menos uns días a súa reactivación ante a "incerteza" polos resultados destas medidas.

"Hai moitas cousas que pulir e son miles as preguntas. De momento estamos moi desconcertados por todo e sen información", explicou a Europa Press a presidenta de Hostalaría Compostela, Sara Santos, que aventurou que, aínda sendo unha decisión individual, moitos asociados esperarán aínda máis da fase un para reactivar a súa actividade, ata que as súas expectativas de rendibilidade sexan suficientes.

A oferta de restaurantes con entrega de comida a domicilio, permitida durante todo o estado de alarma, experimentou unha notable diminución nas cidades galegas desde os primeiros días desta medida ditada pola pandemia da COVID-19, dado que a baixada de actividade obrigou a moito hostaleiros a acollerse a ERTEs e botar o peche.

Con todo, nos últimos días, e coa proximidade da fase cero, esta oferta --que se une agora á recollida en local-- aumentou lixeiramente e foi incorporando, ademais das cadeas de comida rápida e establecementos que mantiveron a súa actividade, outros restaurantes.

É o que ocorre, por exemplo, en Santiago de Compostela, con establecementos como O Rei do Bocadillo ou A Curtidoría, que mantiveron durante este período a entrega de comida a domicilio, así como o Pampín Bar, A Tafona ou Abastos 2.0, que se incorporaron á posibilidade de enviar ou recoller os seus menús no establecemento.

Esta posibilidade tamén sumou adeptos en cidades como Vigo, A Coruña e Pontevedra e, en menor medida, en Lugo ou Ourense, onde aínda son minoría os restaurantes que se reactivaron. Tampouco é homoxénea no modo de funcionamento, xa que se divide entre establecementos que ofrecen comidas en horarios habituais e aqueles que limitan este servizo a fins de semana.

Para facilitar o consumo á veciñanza puxéronse en marcha, ademais, mecanismos como o da Federación de Hostalaría de Pontevedra, que creou unha APP gratuíta que identifica a aqueles establecementos que están a prestar servizo ben a domicilio ou ben para recoller.

PRECIPITACIÓN E INCERTEZA

As asociacións profesionais coincidiron en destacar a "incerteza" coa que o sector afronta estes cambios, así como as medidas que deben tomar de forma "precipitada" para reactivarse. Por iso, moitos dos hostaleiros de Santiago, Pontevedra ou A Coruña optaron por aprazar aínda uns días a súa incorporación, ata que se inicie a fase 1 do desconfinamento ou mesmo "máis aló" se fose necesario.

"Moitos xa nos dixeron que na situación actual é imposible", explica Sara Santos, que destaca como medida "imprescindible" para recuperar a actividade que se "flexibilice" a aplicación dos ERTE, xa que moitos establecementos retomarán a súa actividade sen alcanzar o nivel de negocio previo que permita activar a todos os seus empregados.

Se isto non ocorre, alertou, será "totalmente inviable" estar abertos e facerse cargo de todo o persoal cando "non hai garantías de que se recupere nin unha mínima cantidade de negocio".

AMPLIACIÓN DAS TERRAZAS

Se se cumpren os criterios, a partir do día 11 podería pasarse á fase 1, na que, segundo o decreto do Goberno central, se poderán abrir as terrazas dos establecementos hostaleiros a unha ocupación do 50%, superior ao 30% inicialmente esbozado.

"É un paso, non cabe dúbida, pero aínda é insuficiente en moitísimos casos", apunta a responsable da asociación de hostalaría compostelá, mentres que desde a da Coruña se avisa de que a actividade, de forma xenérica, "é inviable ata que se poida abrir o interior do local".

Ademais, as asociacións inciden nos colectivos que deixa fóra esta medida: o lecer nocturno e, significativamente, aqueles locais que non dispoñen de terraza.

Para eles, Hostalaría Compostela presentou unha serie de propostas ante o concello da capital que pasan por cuestións como permitir que se amplíe a superficie actual de terrazas temporalmente, así como que, "esporadicamente", se poidan habilitar mesas ou "puntos de apoio" naquelas zonas que non dispoñen de terraza.

"As terrazas en Santiago xa son pequenas de seu, se por encima as reduces ao 50%... non é viable", explicou Santos, que lembrou que en Galicia existen outros condicionantes desta actividade, como o tempo meteorolóxico, que non permite usar as terrazas moitos días.

Restaurante O Grelo
Restaurante O Grelo | Fonte: XdL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta