A Xunta ten pendentes de tramitar máis de 1.400 ERTE

A Xunta e as empresas de materiais de construción instan a cumprir os protocolos de seguridade. Ademais, o goberno solicita ao Estado oito millóns de euros en compensación polas restricións de mobilidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2020 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

A Xunta ten pendentes de tramitar máis de 1.400 Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), tras resolver o 96% dos 35.902 presentados, que afectan a 233.830 traballadores.

Nun comunicado, a Consellería de Economía sinala que a Xunta "está a pór todos os medios ao seu alcance e está a resolver todos os expedientes en prazo". Ademais, sinala que os traballadores que non recibiron as súas prestacións por desemprego do Goberno central poden solicitar ao Executivo galego un anticipo.

Por provincias, a que conta con máis afectados é Pontevedra, con 81.995 (en 12.574 expedientes); seguida da Coruña, con 65.624 (en 13.894 expedientes); Ourense, con 17.971 (4.263 ERTE); e Lugo, con 15.340 (en 4.138 expedientes).

A estes súmanse os 32.397 afectados en ERTE estatais con repercusión en Galicia, así como os 20.503 en 1.033 expedientes en servizos centrais autonómicos.

Estas cifras de afectados por ERTE difiren das publicadas este martes polo Ministerio de Seguridade Social, que reduce os afectados en Galicia a 165.038 afectados --o 91% deles por causa maior--, case 70.000 menos que os datos da Xunta.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, na reunión telemática. COPYRIGHT: XOAN CRESPO
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, na reunión telemática. COPYRIGHT: XOAN CRESPO | Fonte: XOÁN CRESPO

COMPENSACIÓN DE OITO MILLÓNS

O Goberno galego solicitou ao Executivo central unha compensación de oito millóns de euros polas consecuencias das restricións da mobilidade aplicadas durante o estado de alarma e a crise sanitaria no territorio.

Así llo trasladou a conselleira do ramo, Ethel Vázquez, ás federacións de transporte de viaxeiros por estrada de Galicia, en concreto Transgacar, Fegatravi, Fegabús e Anetra, durante un encontro telemático para abordar a reactivación da actividade no sector.

Vázquez Mourelle remitiu esta petición ao Ministerio de Transportes, dirixido por José Luís Ábalos, ao tratarse dun investimento "necesario para frear o impacto negativo" derivado do estado de alarma.

En particular, a responsable de Infraestruturas referiuse á "caída de usuarios nos servizos de transporte público interurbano", que alcanzou o 97 por cento do volume habitual. Estas cifras, explicou, xeran "unhas necesidades adicionais de financiamento para as concesións actuais, afectadas o estado de alarma".

Neste mesmo encontro reclamou un calendario con prazos para a posta en funcionamento do AVE a Galicia e outras infraestruturas como a autovía entre Lugo e Santiago, que considera esenciais para o Xacobeo 2021.

CONSTRUCIÓN

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, mantivo este martes unha videoconferencia con membros da Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco), na que incidiu na necesidade de que a reactivación económica veña acompañada do impulso das medidas de prevención e seguridade laboral.

No encontro, o conselleiro lembrou que a volta á actividade da construción, "garantindo sempre as condicións de seguridade e o cumprimento de protocolos", foi "unha das demandas da Xunta", que aprobou un plan de reactivación do 100 por cen da obra pública que estaba en execución en Galicia antes do estado de alarma, con 500 obras que supoñen 5.300 postos de traballo.

Tal e como subliñou Francisco Conde, a premisa é que se respecten as medidas de prevención mantendo as distancias de seguridade, co debido material de protección e reforzando as medidas de hixiene. Para cumprir esa obxectivo a Xunta leva repartidas preto de medio millón de máscaras entre os traballadores da construción coa axuda dos clusters e das asociacións empresariais.

Ao mesmo tempo, dixo o conselleiro, nesta fase de reactivación económica, "é preciso que o Goberno estableza un período transitorio para que ás empresas que solicitaron un Erte o poidan sincronizar coa recuperación gradual da súa actividade" e o mantemento do emprego.

PROTOCOLO DE ACTUACIÓN NOS BUQUES

Doutra banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, pediron ao Goberno que estableza un protocolo de actuación específico para os casos de posibles enfermos de coronavirus a bordo dos buques nacionais que operan só en España, sen actividade en países estranxeiros.

Nunha nova carta remitida ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, os dous representantes do Executivo galego agradecen a resposta do titular de Sanidade á misiva que lle remitiron a finais de abril expondo este asunto pero lamentan que non aclare as pautas de comportamento para casos como estes.

Así, segundo asegurou a Consellería do Mar nun comunicado, a Xunta alude a protocolos de actuación en fronteiras que non poden dar respostas aos problemas derivados de posibles episodios en buques españois que teñen como punto de partida e chegada portos nacionais con tráficos comerciais --neste caso a pesca-- tamén nacionais.

Ante iso, os titulares de Mar e Sanidade insisten na conveniencia de definir claramente as competencias e funcións de cada departamento implicado na xestión destes casos co obxectivo de conseguir unha maior eficiencia e eficacia tanto no uso dos medios dispoñibles como na atención ás tripulacións.

Esa coordinación entre Sanidade Exterior, o Instituto Social da Mariña e as comunidades autónomas, explican os representantes do Goberno galego, permitiría flexibilizar tamén directrices como as de illamento dos tripulantes sospeitosos de estar contaxiados e que non teñen domicilio na localidade de chegada, incorporando outras opcións como as residencias integradas ou espazos hospitalarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta