A Xunta presenta un programa de innovación en xestión da auga dotado con 7 millóns

Adiantarse a episodios de seca ou mellorar a depuración de augas, entre os obxectivos da iniciativa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2020 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

A Xunta presentou ante axentes do mercado da innovación o proxecto 'Innovaugas', dotado cun investimento de 7 millóns de euros e co que pretende atraer a 370 profesionais da tecnoloxía e a investigación para achegar solucións "novas" na xestión da auga.

Este mércores os titulares de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, acompañados pola directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrrez, participaron nunha videoconferencia con distintos representantes do sector do mercado da innovación, aos que informaron sobre esta iniciativa cualificada pola Xunta como "un proxecto estratéxico, non só polo seu orzamento, senón porque contribuirá a conseguir unha Galicia verde e innovadora".

Dotado con 7 millóns de euros, o programa 'Innovaugas' pretende explorar novas formas de xestión dos recursos hídricos ante o cambio climático, polo que se buscan solucións que acheguen "capacidade de resposta", "adaptación" e "anticipación" a fenómenos naturais.

Así o destacou durante o encontro telemático a conselleira Ethel Vázquez, que puxo o foco na necesidade de contar co sector empresarial, os grupos de investigación e os centros tecnolóxicos para abordar "solucións enerxeticamente eficientes e sustentables desde todos os puntos de vista".

OBXECTIVOS

Deste xeito, o proxecto iniciou este mércores a fase de consultas preliminares ao mercado. Segundo expuxo a titular de Infraestruturas, o obxectivo é explorar ferramentas que melloren a "resiliencia" dos sistemas de abastecemento de auga fronte á seca co fin de adiantarse a estes fenómenos, así como cuantificar "de forma precisa" os recursos dispoñibles e controlar as perdas.

A Xunta, nun comunicado, tamén destaca que outra das metas que persegue este proxecto é reducir o impacto dos desbordes de augas pluviais en usos produtivos e recreativos da auga, ademais de articular mecanismos de alerta para previr episodios de crecidas.

Outro dos retos é obter sistemas de información de xestión de recursos hídricos integrada, para o que é necesario "coñecer ferramentas de incorporación de datos en tempo real a un sistema de información e á súa adaptación á toma de decisións por parte de Augas de Galicia".

O terceiro dos retos que fixa a Administración autonómica para este proxecto é vinculalo á economía circular e atopar solucións no mercado sobre "tecnoloxías innovadoras de desinfección e control de efluentes para a reutilización de augas depuradas e sobre a xestión intelixente das depuradoras enfocada á optimización enerxética".

Fotos Xunta. Presentación Proxecto Innovaugas.. Xunta de Galicia
Fotos Xunta. Presentación Proxecto Innovaugas.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta