O teléfono 012 recibiu máis de 70.000 chamadas desde o inicio do estado de alarma

O Teléfono da Muller rexistrou un aumento do 70% respecto do mesmo período do ano anterior.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2020 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este mércores que o teléfono de atención e información á cidadanía (012) atendeu máis de 70.000 chamadas desde o inicio do estado de alarma, das que o 70% producíronse nas liñas directamente relacionadas coa atención de consultas non sanitarias de particulares e empresas sobre a COVID-19.

O vicepresidente da Xunta e a directora de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, visitaron as instalacións do servizo, que viu incrementadas nun 44% as súas chamadas. Durante o acto, Rueda agradeceu o labor dos xestores telefónicos durante este período, no que se atenderon unha media de 1.000 chamadas diarias relacionadas con dúbidas polo coronavirus.

A Xunta, explicou Rueda, reforzou o persoal co obxectivo de manter "un contacto estreito cos cidadáns sempre en tempo real" e unha "atención directa" aos galegos en momentos de moitas dúbidas.

Con iso, e debido ao incremento de chamadas, o servizo foi reforzado desde o inicio do estado de alarma cun incremento do 40 por cento do persoal, coa creación dunha bolsa de 25 traballadores formados na atención no ámbito do coronavirus e creando tamén un servizo diferenciado para as consultas sobre a COVID-19.

Nesta liña, foi ampliado o horario de atención telefónica, incluíndo fins de semana e festivos en horario de 8,00 a 20,00 horas. Ademais, reforzouse tamén o teléfono do voluntariado, co obxectivo de que, tanto as persoas maiores como aquelas con necesidades psicolóxicas, en estado de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social, poidan contar cun contacto directo con traballadores "altamente cualificados".

Polo que respecta á tipoloxía de chamadas, as máis frecuentes desde o inicio da pandemia son as dúbidas sobre os desprazamentos permitidos, as axudas ou subvencións ás que poden acollerse distintos colectivos ou dúbidas sobre a renovación do cartón de emprego e das prestacións económicas, así como a aplicación dos ERTE.

Tamén se rexistrou un aumento de chamadas no Teléfono da Muller, un dos servizos integrados no 012, que recibiu desde o inicio do Estado de Alarma 685 chamadas, un 70% máis que no mesmo período do ano anterior.

Alfonso Rueda, visita as instalacións do servizo de atención e información á cidadanía a través do teléfono 012. PEPE FERRIN
Alfonso Rueda, visita as instalacións do servizo de atención e información á cidadanía a través do teléfono 012. PEPE FERRIN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta