Un xulgado rexeita ordenar ao Sergas que realice probas PCR aos enfermeiros

O Colexio oficial de Enfermaría da Coruña solicitara perante o xulgado a realización "inmediata e urxente" de test a estes profesionais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2020 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia

O Xulgado do Social número 2 da Coruña rexeitou a solicitude efectuada polo Colexio oficial de Enfermaría da Coruña para que ordenase ao Sergas adoptar unha serie de medidas relacionadas coa subministración de equipos de protección fronte á COVID-19 e a realización "inmediata e urxente" de test PCR a estes profesionais.

Nun auto emitido este mércores, o xulgado coruñés inadmite unha petición do colexio efectuada a finais de abril e ordena o seu arquivo nunha resolución contra a que cabe recurso de reposición.

Deste xeito, considera que o colexio carece de "leximitación activa" para solicitar esta medida a través dun proceso de tutela de dereitos fundamentais, aínda que, como aclara a xuíza, "tampouco estaría lexitimida" a petición se a demandou a través dun conflito colectivo.

Segundo a maxistrada, a Lei Reguladora da Xurisdición Social reduce ao traballador ou ao sindicato a tutela de dereitos fundamentais para protexer o dereito á saúde en materia de prevención de riscos laborais.

"Ningún outro ente, organismo ou persoa física ou xurídica pode exercitar unha acción para a protección dun eventual dereito fundamental lesionado. De feito, a única posibilidade que se prevé de participación dunha persoa distinta ao traballador afectado é a do sindicato ou dunha entidade pública ou privada, pero só para o caso de discriminación e exclusivamente como coadxuvante", sinala no seu auto, no que aclara que, se os interesados son os colexiados e colexiadas, só eles poderían exercitar a acción que pretende o demandante.

Ademais, a maxistrada considera que a demanda, tal e como foi exposta polo Colexio oficial de Enfermaría, "concorrería unha falta de competencia obxectiva", dado que a medida solicitada se estende a todos os centros sanitarios da provincia da Coruña e estes incumben a distintas circunscricións xudiciais, polo que a competencia correspondería á Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Persoal Sanitario durante uns aplausos © Miguel Nuñez
Persoal Sanitario durante uns aplausos © Miguel Nuñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta