Por Galicia Confidencial | Compotela | 06/05/2020 | Actualizada ás 17:48
O PP e o BNG, e tamén Bildu, coincidiron este mércores en non apoiar a continuación do estado de alarma para aplicar as distintas fases do confinamento propostas polo Goberno de Pedro Sánchez. Ambas as dúas formacións, aínda que utilizaron diferentes argumentos, coincidiron en criticar as “dúbidas constitucionais” que existen ante a prórroga desta situación.
“A situación de excepción non admite unha ditadura constitucional”, dixo o líder do PP, Pablo Casado. “Vostede pretende trazar un relato á marxe da realidade para chegar a esa inquietante nova normalidade que pretende vendernos. Faino mentindo sobre as causas da grave afectación do coronavirus en España e manipulando as súas consecuencias económicas e sociais”, espetoulle a Sánchez no seu discurso.
Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, insistiu en que, a pesar da súa abstención, a súa formación está de acordo en continuar co estado de alarma aínda que “discrepe do como", á vez que afeou ao Goberno central o seu acordo con Ciudadanos.
“CENTRALIZACIÓN”
Neste sentido, criticou a “centralización” que o estado de alarma está supoñendo. "Hai maneiras e maneiras de organizar o estado de alarma e en ocasións anteriores xa discordamos da xestión que estaba a realizar o Goberno central en decisións concretas como a centralización e a usurpación de competencias autonómicas, non xa por razóns políticas, senón por razóns sanitarias, por ser negativa para a eficiencia", proseguiu.
Do mesmo xeito, Rego criticou que, "fronte a un Goberno de partidos que se din autonomistas e mesmo federalistas –en alusión ao PSOE e Unidas Podemos-- e se empecinan en centralizar", son as forzas políticas soberanistas, "as que non están a favor do modelo autonómico, as que defenden as competencias autonómicas".
"No noso caso non estamos a defender aos xestores, senón ás institucións nacionais do noso país, de Galicia", argumentou o parlamentario nacionalista. Neste sentido, lembrou que o BNG presentou unha proposta para que sexa o Goberno da Xunta o que decida as fases de desconfinamento para Galicia e que se teña en conta que Galicia ten a “metade de núcleos de poboación do Estado".
Por último, o representante do BNG lamentou que, no canto de "dialogar e acordar con forzas soberanistas e de esquerdas, o Goberno central "preferoiu facelo con aqueles que até agora incluían na dereita ultramontana", en alusión a Ciudadanos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.