Ferrol estudará a ampliar o espazo das terrazas para cumprir o distanciamento e que a hostalaría non perda capacidade

O Concello da Coruña aprobou un suplemento de crédito de 11,6 millóns de euros destinados a abonar, por sentenza firme, as expropiacións do Castro de Elviña.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2020 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

O goberno municipal de Ferrol estuda a posibilidade de ampliar o espazo destinado ás terrazas dos establecementos de hostalaría, unha medida que foi exposta polos profesionais do sector para poder cumprir co distanciamento social e non perder capacidade de ofrecer este servizo aos seus clientes.

Esta proposta foi trasladada polo concelleiro de Urbanismo, Julián Reina (PSOE), aos integrantes da comisión informativa desta área nunha sesión ordinaria telemática celebrada mércores. Os propietarios dos locais trasladaron ao goberno de Ferrol a súa preocupación en como lles pode afectar a desescalada no seu sector, que leva parella unha redución na posible utilización das súas terrazas.

O edil socialista detallou que o seu departamento está "a estudar fórmulas, tanto desde o punto de vista xurídico como técnico, que sirvan para compensar o descenso, mantendo a seguridade das persoas". O goberno de Ferrol informou de que, unha vez que os grupos na oposición mostraron o seu posicionamento a favor desta medida, abordarán agora nunha comisión de terrazas, da que forman parte técnicos e xurídicos municipais, o asunto.

Nun comunicado, o concelleiro explica que o obxectivo é atopar "solucións viables, con todas as garantías, que sirvan para que as restricións teñan o menor impacto posible". Incide en que na reunión técnica deste xoves analizarase caso por caso, en función das características e posibilidades de cada rúa.

SECTOR TURÍSTICO

Noutra orde de asuntos, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), mantivo unha reunión telemática con algúns dos sectores do ámbito do turismo desta cidade, como axencias de viaxes, asociacións de hostaleiros, comerciantes, taxistas e empresarios hoteleiros.

O rexedor comprometeuse a seguir mantendo encontros para abordar a problemática á que se enfrontan todos eles, pois o seu goberno ten "a firme intención de apoiar ao sector turístico, como parte importante do tecido económico da cidade", dentro das súas competencias e "facendo todo o esforzo que lle permitan os seus recursos".

Terrazas
Terrazas

EXPROPIACIÓNS NO CASTRO DE ELVIÑA NA CORUÑA

O Concello da Coruña aprobou, na Xunta de Goberno local, un suplemento de crédito de 11,6 millóns de euros destinados a abonar, por sentenza firme, as expropiacións do Castro de Elviña, segundo informa.

Na reunión, celebrada vía telemática e presencial, tamén se deu luz verde á licitación das obras de reforma integral da cafetaría Remanso, situada en Catro Camiños, para convertela nun centro social. A reforma ascende a 423.272 euros e ten un prazo de execución de oito meses.

Así mesmo, a Xunta de Goberno adxudicou as obras de conservación, mantemento e acondicionamento no cemiterio de San Amaro, que será cofinanciado con Fondos Eidus e que teñen un importe de 296.618 euros.

As obras, cun prazo de execución de doce meses, consisten en demoler completamente a recepción do cemiterio ao interromper a visión das zonas de interese histórico, ademais de acometerse outras actuacións.

Por outra banda, mediante tramitación de urxencia, na reunión acordouse contratar o servizo de salvamento, socorrismo e nas praias da Coruña, cun orzamento de 439.999,51 euros e unha duración dun ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta