Muiñeiras do confinamento: músicos galegos e aragoneses irmandados en tempos de pandemia

O grupo turolense Lugh e Luís Rodríguez, do Obradoiro JR de Carballo, impulsan este proxecto no que participan 31 músicos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/05/2020 | Actualizada ás 10:38

Comparte esta noticia

Separados por 800 quilómetros, confinados nas súas casas, pero unidos polas novas tecnoloxías, a música e un lema: “Máis distanciados que nunca, máis unidos que nunca”. 31 músicos de Galicia e Aragón reuníronse virtualmente para gravar un vídeo no que instrumentos tradicionais de ambas culturas se acoplan para interpretar a Muiñeira de Tomiño e a Muiñeira do Vello Rilo.

Músicos galegos e aragoneses irmandados no confinamento pola pandemia de Covid-19
Músicos galegos e aragoneses irmandados no confinamento pola pandemia de Covid-19 | Fonte: Canle en Youtube do grupo Lugh.

A idea foi impulsada pola banda turolense de música celta Lugh e Obradoiro Musical JR, en Carballo: “O noso querido compañeiro de Lugh José Manuel Alba (que non para quedo), xunto a Luís JR Obradoiro, que ademais de ser o construtor das gaitas e set de percusión que usamos en Lugh, é un gran amigo, implicaron moita xente para facer estas bonitas muñeiras en grupo e unir os nosos confinamentos nunha irmandade galego-aragonesa”, explicaron.

Jose Manuel Alba é gaiteiro e percusionista de Lugh e Lurte entre outras formacións. Luís Rodríguez, do Obradoiro JR, é un dos artesáns fabricantes de instrumentos galegos máis prestixiosos que existen.

Para coordinar a gravación, cada un dos 31 músicos gravou o seu instrumento escoitando por cascos unha base creada por Jose Manuel Alba e logo foron acoplados e montados no vídeo por Hugo Saliente, quen tamén toca nestas pezas.

Aínda que as gaitas galega e aragonesa son as grandes protagonistas, entre a instrumentación tamén hai mandolina, violín, tamboril, acordeón, bombos, pandeireta...

O vídeo remata cunha mensaxe: “A cultura é vida, apóiaa!".

PARTICIPANTES

De Galicia: Luis Alberto Rodríguez Pérez e Hernán García Govea do obradoiro JR en Carballo; Javier Vázquez con gaita e Javier Planells con bombo, do grupo Ardello Eixo, de Ibiza; Bety Bua Caamaño e Clara Bua con acordeón, do grupo Xaramiños Do Corpiño de Muxía; Jesús Moreira Castro con gaita e Tania Doldán Pérez con pandeireta, da Banda de Gaitas A.C. Malante de Malpica; Migui Ocampo con bodhran, do grupo Dequenvessendo da Coruña; Miguel Vázquez con gaita, da produtora Márdea Producións na Coruña; Andrea Rodríguez e Santiago Antelo Bardullas con gaita, do grupo Sib Do Solpor; Samuel Mosquera Cerviño con tambor, da Asociación Cultural Triskell.

De Aragón: Carolina Paterson ao violín, Emiliano Evrard á mandolina e José Manuel Alba con gaita, do grupo Lugh, de Teruel; Alejandro Reche de Calanda e Arancha C. Hernando de Calatayud, do grupo Lurte; Carla Saliente, Hugo Saliente, Pili Tamayo, Diego Alegre, Arturo Porto, Malena de Haro, Joaquín Esteban, Pili Puerto, Amador Guillén, Soraya Cerrada, Jaime Tunez, todos da Escuela de Música Antón García Abril Ciudad de Teruel e da Banda de Gaitas de Teruel Gaitéricos; Sara Diges á pandeireta, de Teruel.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta