A Xunta anuncia dous meses despois da pandemia que testará ao "100%" de profesionais do Sergas

Feijóo di que quere que "Galicia sexa un territorio libre" do virus.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2020 | Actualizada ás 12:21

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) fará test de coronavirus ao "100%" dos profesionais sanitarios e non sanitarios dos centros de saúde e hospitais e detallou que a Administración autonómica xa completou o varrido nas residencias galegas.

O máximo mandatario autonómico fixo este anuncio durante a súa comparecencia na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, na que detallou que o Sergas detectou ata o momento máis de 1.700 casos positivos en profesionais, dos que case o 32% están dados de altas.

Na súa intervención, así mesmo, Feijóo informou da adquisición por parte da Xunta doutros 400.000 test, dos que 100.000 xa están en mans do Sergas. Estas probas, segundo indicou, foron doadas por unha multinacional galega.

Ademais, no seu discurso, o máximo mandatario autonómico tamén detallou que a Xunta completou o "varrido ao 100% das residencias" de maiores e de discapacidade. "Queremos que Galicia sexa un territorio seguro", manifestou nunha intervención na que tamén informou de que este venres o Sergas finalizará a primeira onda do seu estudo epidemiolóxico.

Mostra para facer un test de coronavirus
Mostra para facer un test de coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

ESIXENCIA DE PROTOCOLOS PARA HOSTALARÍA E CULTURA

conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, esixiu este xoves ao Goberno central "concreción" e protocolos específicos para afrontar "con seguridade e certezas" o proceso de desescalada e apertura progresiva en ámbitos como a restauración, o turismo, as bibliotecas ou os museos.

Así, lamentou que "a tres días" de que se poida entrar na fase 1 da desescalada e, por tanto, retomar parte da actividade en restaurantes, cafetarías, bibliotecas ou museos, "as empresas e as administracións autonómicas e locais non coñezan os protocolos e as medidas de seguridade que deben aplicar para garantir a seguridade de traballadores e usuarios".

No relativo ás bibliotecas, apuntou, a Xunta non dispón de "ningún tipo de indicación por parte do Ministerio de Cultura", a pesar de "preguntar respecto diso. "Sería inadmisible coñecer as medidas polo BOE o domingo pola tarde, a escasas horas de que tanto o sector como as administracións autonómicas e locais teñamos que aplicalo", subliña o conselleiro.

RESTAURACIÓN E HOTEIS

En canto aos negocios de restauración e hoteis, o responsable de Cultura e Turismo da Xunta explicou que o Ministerio de Industria encargou ao Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) a redacción dunha vintena de protocolos de seguridade e hixiene adaptados ás distintas actividades do sector.

Con todo, os primeiros borradores foron remitidos esta mesma semana ás comunidades autónomas para que estas poidan realizar as súas achegas, deixando "apenas marxe" para que os particulares e as empresas poidan coñecer e adecuar os seus negocios a estas esixencias.

Do mesmo xeito, Román Rodríguez indicou que o Executivo central convocou este venres pola tarde, a 48 horas de que os establecementos poidan previsiblemente retomar a súa actividade, unha reunión coa ministra de Turismo para abordar este asunto, un feito que "volve xerar incertezas entre o sector".

O titular de Cultura e Turismo sinalou que o Plan de Reactivación aprobado a semana pasada polo Consello da Xunta contempla un investimento de preto de 2 millóns de euros para favorecer a adecuación dos establecementos ao escenario actual e aos novos requisitos de seguridade sanitaria. Do mesmo xeito, avanzou que o plan de teleformación impulsado polo Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) ofrecerá cursos específicos para axudar a empresas e particulares a afrontar o proceso de reapertura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta