Investigadores galegos aconsellan manter tratamento para a tensión en pacientes con Covid-19

Os invetigadores do CHUS aconsellan a continuidade dos tratamentos para a hipertensión arterial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2020 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

Investigacións do Servizo de Cardioloxía da área Sanitaria de Santiago e Barbanza aconsellan a continuidade dos tratamentos para a hipertensión arterial, especialmente os bloqueantes do sistema renina-anxiotensina, nos pacientes con COVID-19.

Diego López, J. Ramón González-Juanatey e Javier López, do Servizo de Cardioloxía do CHUS
Diego López, J. Ramón González-Juanatey e Javier López, do Servizo de Cardioloxía do CHUS | Fonte: Europa Press

"Mesmo están a manifestar certo efecto protector ante o agravamento da enfermidade", subliñou o xefe deste servizo de Cardioloxía, Jose Ramón González-Juanatey, segundo os primeiros resultados do proxecto 'Cardiovid'. "Sumámonos ás recomendacións das principais sociedades científicas de continuar con este tipo de tratamento en pacientes con e sen COVID-19", abundou.

No marco deste estudo, un rexistro con máis de 2.000 pacientes con COVID-19 liderado pola sanidade pública compostelá, desenvolveron, explicaron, "un score clínico ou ferramenta diagnóstica para poder discernir a gravidade na evolución do pacientes" con este coronavirus.

"Este score clínico sinxelo para o momento do diagnóstico do paciente axudará a clasificar os pacientes con boa evolución que poden seguir tratamento e illamento no seu domicilio, e pacientes cun peor perfil nos que teriamos que levar a cabo un seguimento máis estreito e mesmo hospitalizalos para previr complicacións", subliñou Diego López, o deseñador do estudo xunto a Javier López Pais, do servizo de Cardioloxía compostelán.

Segundo sinalaron, identificaron "marcadores en sangue, como os niveis de troponinas —marcadores de mortes de células do corazón—" que, se se asocian á avaliación da enfermidade, "identifican pacientes que poden ter máis complicacións e poderían servir para identificar de forma precoz os pacientes con máis risco para poder tratalos de forma máis intensiva".

Estes especialistas lembran que aínda que a enfermidade causada polo coronavirus SARS-CoV-2 "pode afectar a calquera persoa", os casos "con peor prognóstico concéntranse en pacientes homes, con hipertensión arterial e enfermidades crónicas previas, principalmente enfermidades cardiovasculares".

Ademais, advirten de que aínda que se trata dun virus "cuxa principal afectación e porta de entrada ao organismo é o sistema respiratorio, pode afectar tamén a outros órganos como o corazón" e, apostilan, "producir eventos adversos como infarto agudo de miocardio, miocarditis ou insuficiencia cardíaca".

ENFOQUE MULTIDISCIPLINAR

Ante a falta de coñecemento de como afecta este novo coronavorus ao sistema cardiovascular, "xorde a necesidade de xerar información para poder ofrecer medidas de prevención aos pacientes con cardiopatías e unha mellor atención dos eventos cardiovasculares agudos que este produza", explicaron.

Neste contexto enmárcase o proxecto 'Cardiovid' do Servizo de Cardioloxía do CHUS, que dirixe o doutor González-Juanatey. Segundo detallaron, trátase dun proxecto "con enfoque multidisciplinar" no que están implicados diferentes departamentos que maioritariamente atenden o paciente durante a súa fase de hospitalización.

Os obxectivos principais do estudo céntranse en "achegar coñecemento nas tres fases da enfermidade", afirmaron. A primeira, na prevención. Os especialistas implicados indicaron que buscan "coñecer e identificar precozmente os eventos cardiovasculares, deseñando escalas de risco" que poidan aplicar "tanto a pacientes que requiran ingreso hospitalario como aos que teñan unha enfermidade máis leve e poidan estar na súa casa", engadiron.

"Deste xeito poderemos dar unha resposta máis precoz e máis específica na atención cardiovascular", asegurou o doutor Jose Ramón González-Juanatey. Finalmente realizarase un seguimento a longo prazo de todos os pacientes infectados por SARS-CoV-2, "para ver se os eventos adversos se estenden máis aló da curación", sentenciaron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta