Por Xurxo Salgado | Barbanza | 16/12/2012 | Actualizada ás 12:29
Durante varios meses, e tal e como xa relatamos no GC, gandeiros do Barbanza, autorizados pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, levaron a cabo numerosas batidas no Barbanza para matar exemplares de lobos e híbridos. O argumento era que atacaban o seu gando.
Nesta guerra non declarada contra o lobo, tal e como contamos en GC, utilizaronse métodos e trampas ilegais que foron denunciadas ante o Seprona da Garda Civil. A matanza de lobos deu lugar a varias protestas e mesmo a unha manifestación en Santiago en contra desta política. Finalmente, soubose que nos terreos nos que tiveron lugar a maior parte destas mortes, instalouse unha gran granxa con capital extranxeiro.
Miguel Mosquera é o presidente da Asociación Coordinadora de Protectoras de Pontevedra (ACOPO) e, xunto cos membros de Axena, é un dos activos defensores do lobo. Por iso, decidiron presentar unha denuncia ante a UE para que tome cartas no asunto e sancione á Xunta se cometeu irregularidades
Galicia Confidencial (GC).- Que está pasando cos lobos no Barbanza?
Miguel Mosquera (MM).- No Barbanza existía unha poboación estable e con reprodución confirmada de lobos ibéricos. A día de hoxe despois da desacertada xestión da Xunta de Galicia nestes dous últimos anos, non se ten coñecemento de se queda algún lobo vivo.
GC.- Desde o colectivo de gandeiros dise que non son lobos, que son híbridos?
MM.- Queremos aclarar que o Barbanza contou historicamente coa presenza de lobos puros. A aparición puntual dalgún exemplar híbrido é posible e ata certo punto normal, pero no Barbanza e en calquera outra poboación de lobos europea onde o fenómeno da hibridación por se mesmo non supón ningún problema para a conservación da especie xa que non deixa de ser algo anecdótico. A verdadeira ameaza é a enorme presión e persecución que sofre a especie, e o escaso interese da administración en apostar pola conservación do noso patrimonio natural. Que ninguén se engane, a día de hoxe a morte ilegal de lobos segue sendo a principal ameaza para a especie.
GC.- Desde Medio Ambiente aseguran que autorizan as batidas para controlar estas poboacións. Cres que hai confluencia de intereses entre gandeiros e Xunta?, cales?
MM.- A nós o que nos preocupa é que tendo lexislación e plans de conservación, coma o Plan de Xestión do Lobo en Galicia ou o Plan de Acción para a Conservación do Lobo en Europa, que indican claramente como hai que actuar no caso do fenómeno da hibridación e dos danos ao gando, a Xunta actuou totalmente en contra dos criterios establecidos conscientemente. O método de captura autorizado pola administración de exemplares híbridos por parte de cazadores é extremadamente deficiente, xa que a simple vista é imposible determinar se o exemplar é un híbrido ou un lobo puro.
GC.- Por que?
MM.- Porque calquera persoa que o solicita pode participar nas batidas cando especificamente se recolle que non poden ser gandeiros. O desprezo total á problemática dos cans abandonados - incumprimento da LEY 1/93 de 13/04/1993 protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade-, a autorización de controles durante dous anos na época de cría ou que se autorizara a morte de lobos por uns danos ao gando xamais demostrados oficialmente, son evidencias suficientes das irregularidades nas accións da administración que atopou na hibridación a excusa perfecta para matar lobos cedendo descaradamente ás presións dos gandeiros.
Sanción de confirmarse as irregularidades
GC.- É por iso que ACOPO e Axena decidiron levar esta asunto a Europa?
MM.- Sí, por suposto. É unha das palancas que temos todos os cidadáns para defender os nosos intereses. A Comisión Europea ten ferramentas e capacidade para analizar o problema que vimos denunciando, e pode facer forza para que a Xunta de Galicia explique que criterios seguiu co lobo no Barbanza e evidentemente podería proceder unha sanción no caso de confirmarse as irregularidades.
GC.- E credes que Bruxelas vos vai dar a razón?
MM.- Nós facemos o correcto, no que cremos, e agardamos que a Comisión Europea comprenda a gravidade e o alcance do que para nós é unha xestión neglixente e se decante pola conservación do noso patrimonio natural atendendo ás numerosas directrices de conservación e leis vixentes.
GC.- E como se pode compatibilizar a gandeiría tradicional coa presenza do lobo?
MM.- Realmente xa sería perfectamente compatible tendo en conta que os supostos danos do lobo ao gando en Galicia segundo datos oficiais non superan o 0,1% anual, pese ao ruído mediático que magnifica un “problema” que non o é tanto.
Aínda así na miña modesta opinión hai puntos de mellora e grandes barreiras que superar. É unha cuestión de vontade, por tódalas partes, pero especialmente pola administración que ten que orientar a súa xestión a favorecer claramente a coexistencia da gandería co lobo, e os propietarios do gando teñen que darse conta que os animais precisan dunhas mínimas medidas de protección se realmente están interesados en que se reduzan os danos.
Os nosos montes e o noso medio natural son de todos, e non están só para favorecer aos que obteñen beneficios económicos, son un ben de toda a sociedade.
Deficiencias do Plan do Lobo
GC.- Que opinas do plan de xestión do Lobo de Galicia?... Estase cumplindo?
MM.- O Plan de Xestión do Lobo en Galicia foi aprobado no 2008, e evidentemente é mellorable porque por exemplo se basa en datos de poboación non actualizados referentes ao último censo do lobo en Galicia feito entre 1999 e o 2003. Tamén establece que se poden autorizar controles sobre o lobo por danos recorrentes, pero non concreta obxectivamente que é "recorrente", é un criterio subxetivo, non medible e polo tanto non válido. Tampouco contempla un plan de acción para reducir a mortalidade ilegal que sofre o lobo. Unha mellora desexada sería incluír no texto puntos concretos para potenciar as investigacións científicas, algo indispensable e que debería ser a base da xestión da especie, e por suposto apostar decididamente pola educación e a sensibilización, xa que a día de hoxe o lobo soporta unha pesada carga pola falsa imaxe que perdura deste animal extraordinario. Quizais un dos maiores problemas do Plan de Xestión actual, como comprobamos no Barbanza, é que non se está cumprindo, e moitos dos seus puntos quedaron só no papel.
"Falta de transparencia" da Xunta
GC.- Hai uns días o director xeral de conservación da natureza inauguraba un congreso sobre o lobo destancando que o máis importante é realizar estudos sobre este mamífero. Estades dacordo con esta política?
MM.- Por suposto, como comentaba anteriormente a investigación é unha das pezas claves para unha xestión correcta que ben empregada pola administración debería garantir a conservación da especie e nos axudaría a avanzar no coñecemento da ecoloxía do lobo e o seu impacto nos ecosistemas nos que habita. Pero cando se deseña un proxecto ten que ter un obxectivo claro e definido. En Galicia toda a información relativa aos estudos encargados pola administración, que pagamos todos, non chegan ao público e dubidamos que teñan unha finalidade clara. A falta de transparencia da Dirección Xeral de Conservación da Natureza é total, nin tan sequera responde ás peticións expresas de acceso a información relativa aos estudos científicos, coma por exemplo os relativos ao radiomarcaxe que se ven realizando nos últimos anos.
GC.- Que propoñedes vós neste sentido?
MM.- Como primeiro paso dende fai tempo vimos reclamando a realización dun novo censo poboacional, para saber cal é a situación demográfica actual da especie na nosa comunidade, porque hoxe estamos xestionando en base a datos obsoletos.
Sería interesante tamén a creación dun grupo técnico de traballo que aborde cuestións como a viabilidade xenética da especie máis aló da situación poboacional, que detecte riscos, propoña medidas correctoras ou que impulse estudos que afonden nos beneficios que exerce sobre o seu entorno, para que se amose á sociedade porqué o lobo é unha especie clave e tan necesaria.
A conservación do lobo
GC.- Ten futuro o lobo en Galicia?
Esperamos e faremos todo o posible para que así sexa, tanto ACOPO como AXENA e outras asociacións que aportan o seu grao de area para conservar ao lobo.
GC.- E que se pode facer para conservalo?
O que se pode facer como punto de partida de mínimos é cumprir a lexislación e plans de conservación vixentes, xestionar en base a datos científicos actualizados de forma obxectiva sen ceder a presión de ningún tipo e dunha vez facer un traballo serio e efectivo para reducir as accións ilegais que ameazan o futuro da especie.
Outra cuestión que consideramos fundamental é a sensibilización e a divulgación, que a xente coñeza ao lobo biolóxico, porque coñecer é o primeiro paso para conservar, e para isto levamos a cabo diversas iniciativas que agardamos acheguen á xente a este maravilloso animal, porque como sociedade temos que sentirnos orgullosos de conservar nos nosos montes ao lobo ibérico e temos a obriga de dar un paso ao fronte esixindo a súa conservación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.