Conclúe a folga estudantil nas universidades tras tres semanas de protesta

"Non cremos viable continuar coa folga cando está a piques de empezar o período de exames sen garantías de que as nosas demandas sexan atendidas", explicou ANEGA.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2020 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O sindicato ANEGA avanzou que porá fin á convocatoria de folga estudantil nas tres universidades galegas a partir deste sábado.

A organización lamentou as "barreiras" dispostas por parte das autoridades educativas "a pesar dos constantes" esforzos dos estudantes, que reclamaban a suspensión do curso académico ante os problemas derivados da crise sanitaria provocada polo coronavirus.

O sindicato advirte de que a docencia non presencial representa, actualmente, "unha imposibilidade estrutural" e que o Ministerio de Universidades "non quere ser consciente" diso, abandonando as clases populares "á súa sorte".

Neste sentido, apuntaron a necesidade de seguir traballando "na unidade" do alumnado para "poder responder con contundencia" ás futuras problemáticas que se presentan.

ANEGA advirte, doutra banda, de que a resposta das tres universidades galegas "foi nefasta e gravísima", tras "ignorar as demandas" dos estudantes que contaban cunha capacidade "limitada" de acción polas circunstancias.

"Non cremos viable continuar coa folga cando está a piques de empezar o período de exames sen garantías de que as nosas demandas sexan atendidas", explicaron, posto que "só complicaría máis o peche deste curso frustrado".

Unha estudante fronte ao ordenador
Unha estudante fronte ao ordenador | Fonte: EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta