A Xunta aposta polo Xacobeo como "ferramenta de estímulo" da cultura

O Goberno proxecta case 50 accións e máis de 10 millóns de investimento específico para reactivar o sector.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2020 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

O Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentou este xoves, xunto con membros do seu equipo, o plan de reactivación económica ideado pola Xunta para que o sector cultural galego poida facer fronte ás consecuencias da crise da COVID-19, unha proposta articulada sobre 22 medidas e case 50 accións concretas que, entre outros fondos, destinará de forma específica á cultura máis de 10 millóns de euros.

A través dun seminario en liña no que participaron máis de 600 profesionais e axentes do sector, o conselleiro lembrou que este plan de reactivación cultural se articula xunto ás medidas de reactivación turística que, en conxunto, estarán dotadas con 27 millóns de euros.

No entanto, nel inclúese un bloque específico para a cultura, dotado con 10,2 millóns de euros, dixo o conselleiro, aos que hai que sumar "a maior parte" das medidas transversais ideadas dentro do paraugas do Xacobeo, que conta con outros 5,6 millóns.

O plan, destacou, nace coa intención de activar a industria cultural galega tras o parón causado pola pandemia de coronavirus, fomentar o mantemento do emprego, incentivar o consumo cultural e promover a formación, profesionalización e mellora da competitividade. Para lograr estes obxectivos, Román Rodríguez agradeceu a participación e achegas dos distintos axentes.

Para lograr a reactivación da actividade, o plan recolle 22 medidas e 49 accións concretas centradas especificamente na cultura, das que 17 son de nova creación, en relación ás necesidades detectadas por mor da crise, mentres que cinco son programas xa existentes, pero adaptados ao novo escenario.

As distintas liñas, explicou Román Rodríguez, chegan a todos os sectores culturais e arrincaranse de forma "inmediata". "Algunhas queremos que estean xa activas dentro de oito ou dez días", destacou, vinculándoo, no entanto, a cal sexa a situación sanitaria e o proceso de desescalada.

DISTINTAS MEDIDAS

Entrando en materia, no ámbito do libro, apoio ás empresas editoriais, librarías e bibliotecas e fomento da lectura, inclúese un investimento conxunto de 2,3 millóns de euros, explicou o conselleiro, que garantiu que o sector audiovisual ten tamén "unha presenza destacada", con medidas como a modificación e flexibilización do prazo de convocatorias, o incremento do número de proxectos benefiarios ou o reembolso de custos, ademais da creación dun fondo de coprodución internacional minoritaria. En total, este ámbito contará cun investimento próximo aos 4 millóns.

Pola súa banda, as artes escénicas disporán de sete accións específicas, que facilitarán a mobilización de recursos e o incremento do peso das compañías galegas na programación dos festivais, o que suporá un investimento conxunto de dous millóns.

Finalmente, ás artes plásticas e a música destinaranse, respectivamente, preto de 400.000 e 300.000 euros, para cuestións como o fomento da creación nova ou a adaptación, produción e distribución de espectáculos, entre outros.

OUTRAS MEDIDAS

Ademais destas medidas sectoriais, o conselleiro destacou a creación dun fondo de apoio a proxectos e iniciativas que dean prioridade ao mantemento da actividade dos sectores creativos de Galicia e do emprego cultural. Esta iniciativa desenvolverase de forma paralela a unha campaña de sensibilización, fomento e dinamización cultural que incluirá a reprogramación da rede de dispositivos culturais da Xunta.

Cultura habilitará tamén un servizo e asesoramento e consultoría en liña para empresas e profesionais culturais, que dará apoio e resolverá dúbidas de carácter laboral vinculadas coas condicións de acceso ás axudas públicas, normativas de desescalada e outros aspectos de carácter práctico e para o desenvolvemento da actividade.

Por último, Román Rodríguez referiuse a un "ambicioso programa de formación" no ámbito cultural, cun investimento de case 600.000 euros, que inclúe bolsas de formación en materia cultural e un plan de transformación dixital no ámbito cultura, coa creación dunha plataforma virtual para a formación en liña.

Tamén no ámbito en liña, a Xunta aposta pola creación dunha plataforma dixital na que ir "calendarizando" as novas datas dos eventos suspendidos, co fin de que non se produza un "solapamiento" e unha "sobreoferta" que exceda "a capacidade real de consumo".

A IMPORTANCIA DO XACOBEO

O plan de reactivación prevé que o próximo Ano Santo 2021 actúe como "ferramenta de estímulo" da actividade, tanto no ámbito turístico como, especialmente, no cultural. Con este obxectivo, a consellería está a traballar na reformulación e reorganización do Xacobeo 21 para dar "prioridade" ás iniciativas de impulso económico, consumo e emprego que favorezan a saída da crise.

De forma transversal, no marco do Xacobeo, contémplanse nove medidas, como liñas de axuda para todos os sectores e ámbitos culturais, programas de apoio específico ou ciclos musicais en liña.

Unha das "principais iniciativas", dixo o conselleiro, será un fondo para proxectos culturais dotado de 1,5 millóns de euros e no que empresas e autónomos poderán recibir ata 4.000 e 10.000 euros, respectivamente.

Impulsarase, ademais, a adquisición de obras de arte de creadores galegos cunha partida de 200.000 euros e activaranse dous programas de apoio por 1,5 millóns de euros, centrados no sector escénico e no sector musical

Do mesmo xeito, trasládanse ao ámbito en liña os ciclos musicais celebrados ao amparo do Xacobeo 21 e incorporados á Rede Galega de Música ao Vigo, así como os festivais de música incorporados á marca Fest Galicia, á vez que se potencia o programa Cultura no Camiño, achegando unha programación de artes escénicas e actividades de lecer aos concellos rurais.

MAIS DE 170 ACHEGAS

A estratexia creada pola Xunta parte dos estudos publicados sobre o impacto da crise no tecido industrial e cultural galego, que contemplan distintos escenarios e estimacións en función da evolución da pandemia, e foi conformada tras máis de 65 reunións cuns 230 axentes do sector.

Ademais, recibiu máis de 170 propostas do sector, das que o 71% foron incorporadas á redacción, segundo explica a Xunta.

Román Rodríguez reúnese co sector das artes escénicas. XUNTA
Román Rodríguez reúnese co sector das artes escénicas. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta