Sanidade conclúe sen aportar datos a primeira fase do estudo epidemiolóxico con 50.000 test

Di que os resultados analizaranse "nos próximos días" para obter "información precisa por áreas territoriais e grandes núcleos poboacionais". Fontes sanitarias avanzaron que había tan só un 1% de casos positivos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2020 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade comunicou que finalizou a primeira parte do seu estudo autonómico de seroprevalencia, iniciado o 23 de abril, para analizar a circulación do virus SARS-Cov2 na Comunidade galega, na que contactou con 61.836 persoas para obter 50.925 na mostra inicial.
Con todo, non facilitou ningún dato preliminar, a pesar de que diversos colexios médicos informan de que eses primeiros datas dan tan só un 1% de negativos e falan de probas non fiables.

Test COVID-19 en Galicia.. DAVID CABEZÓN/XUNTA DE GALICIA / Europa Press
Test COVID-19 en Galicia.. DAVID CABEZÓN/XUNTA DE GALICIA / Europa Press

Sanidade asegura nun comunicado que os resultados se analizarán "nos próximos días" polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para a obtención "da información precisa por áreas territoriais e grandes núcleos poboacionais".

O número de mulleres da mostra supón, concretou Sanidade, o 49,19% e o de homes o 50,81%. En canto á idade, os menores de 19 anos representan o 15,84%; as persoas de entre 20 e 64 anos, o 58,59%; e os maiores de 65, o 25,28% do total. "Galicia foi a primeira comunidade autónoma en iniciar un estudo de seroprevalencia poboacional dentro do Estado", subliñou a Consellería de Sanidade.

OBXECTIVOS

A Consellería lembrou que os obxectivos deste estudo realizado polo departamento sanitario autonómico céntranse en "estimar a prevalencia fronte ao COVID-19 en Galicia, nas súas comarcas ou grupos de comarcas e en concellos", así como "explorar a prevalencia da inmunidade fronte ao coronavirus por sexo e grandes grupos de idade, ademais de monotorizar a evolución da epidemia no tempo, coa recollida de información en dúas ondas".

Este estudo epidemiolóxico permitirá, recalcou Sanidade, "ter unha visión máis nítida e ampla do COVID-19 en Galicia", repercutindo, ao seu xuízo, "dun modo beneficioso, en toda a poboación, xa que os resultados do traballo permitirán lograr un coñecemento profundo da epidemia".

TEST "AVALADO"

Antes as críticas de persoal sanitario pola proba utilizada no estudo, Sanidade explicou que o "test de anticorpos utilizado para este traballo ten o aval do Centro Nacional de Microbioloxía e do Instituto de Saúde Carlos III do Ministerio de Sanidade".

Ademais, incide en que a "Organizaión Mundial da Saúde recomenda este tipo de test rápidos só para estudos poboacionais e, en xeral, descártanos para diagnóstico, coincidindo coa conclusión da Comisión de Expertos da Xunta do pasado 8 de abril".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta