O Concello da Coruña permitirá ampliar as terrazas a locais de hostalaría e restauración

Permitirase sempre que cumpran os requisitos establecidos na instrución elaborada pola Concellaría de Urbanismo e Mobilidade.

Por E.P. | A Coruña | 08/05/2020 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña permitirá aos locais de hostalaría e restauración da cidade ampliar o espazo actual destinado ás súas terrazas "de cara á posible apertura o vindeiro luns 11, sempre que cumpran os requisitos establecidos na instrución elaborada pola Concellaría de Urbanismo e Mobilidade", informa.

"Deste xeito, as terrazas manterán parte da súa capacidade con distancias de seguridade entre a clientela", recalca nun comunicado no que a alcaldesa, Inés Rey, incide na importancia de medidas que reactiven a economía, pero "sen pór en risco a saúde da veciñanza".

Entre outras instrucións, a Concellaría de Urbanismo fixa que o número de mesas permitidas limítase ao 50% do total de mesas que figure na solicitude de autorización e especifica os espazos nos que se autoriza incrementar a superficie destinada a terraza e nos que se poderá aumentar o número de mesas en función, entre outras cuestións, do ancho da beirarrúa.

MERCADOS

Por outra banda, o Consistorio informou do lanzamento dunha campaña de agradecemento a todos os profesionais que interveñen no traballo nas prazas de abastos para que os veciños teñan acceso a produtos frescos e de proximidade no actual de estado de alarma.

Baixo a lema 'O valor do noso' e, a través dun vídeo que se subirá ás redes sociais e en formato de cuñas de radio, o consistorio valora "o esforzo realizado polas persoas que abastecen estas instalacións municipais".

RÚAS CON 'ZONA 10'

Por outra banda, o goberno local explicou que desde este venres, no tramo horario entre as 20,00 e as 23,00 horas, implantarase a medida de rúas 'Zona 10' con prioridade peonil. Será en rúas dun único carril e un único sentido.

Por outra banda, informa que o tramo do paseo marítimo que vai desde a rotonda da travesía dos Rosales con avenida Gerardo Porto ata o Portiño será peonil todos os días da semana e, por tanto, estará cortado ao tráfico rodado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta