O Hospital Clínico de Santiago retomará o luns a actividade cirúrxica maior ambulatoria

A xerencia avisa aos pacientes que deberán acudir "puntuais" á súa cita e aconséllalles levar máscara cirúrxica.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2020 | Actualizada ás 16:48

Comparte esta noticia

O Hospital Clínico de Santiago retomará o vindeiro luns día 11 a actividade cirúrxica maior ambulatoria, mentres consultas externas en diversas especialidades implantan a "nova modalidade de asistencia".

Así o explicou a área Sanitaria de Santiago e Barbanza despois de que a súa xerente, Eloína Núñez, e a subdirectora de Calidade Asistencial, Beatriz Pais, se reunisen telematicamente con representantes do Consello Asesor de Pacientes para explicarlles o plan de reactivación asistencial no marco do estado actual da pandemia polo coronavirus COVID-19.

A xerente explicoulles que os centros "xa están a incrementar aos poucos a súa actividade" porque "a diminución de contaxios e de ingresos tanto en hospitalización convencional como en unidades de críticos o permite".

En concreto, explicaron que a cirurxía foi a que "máis incrementou a súa actividade ata este momento" posto que termina a semana con "ao redor dun 80% da actividade ordinaria".

Respecto diso, incidiron en que como "en ningún momento se tivo que paralizar a cirurxía prioritaria e urxente", durante estes meses "non se superou a espera media máxima en pacientes con prioridade 1, nin se incumpriron os tempos establecidos no decreto de garantías de espera máxima do Sergas".

CONSULTAS

Con respecto ás consultas, este venres "xa se iniciou a implantación da nova modalidade asistencial nalgunha especialidade" como cirurxía vascular, e incorporaranse outras como cardioloxía, neuroloxía, alergoloxía, xinecoloxía e obstetricia a próxima semana.

"Cada servizo programou un plan de desescalada para evitar aglomeracións de pacientes en salas de espera para o que ampliaron horarios tanto de mañá como de tarde e intercalarán consultas presenciais con telefónicas", explicou Eloína Núñez.

Ademais, sinalou que se incrementarán as consultas de acto único en especialidades que "aínda non a tiñan implantada" e manterase a consulta telefónica.

MEDIDAS PARA PACIENTES

Na reunión telemática tamén se fixo fincapé nas novas medidas que os pacientes deberán adoptar a partir de agora ao acudir aos centros hospitalarios. Deste xeito, se presentan síntomas compatibles cunha posible infección por COVID-19 terán que contactar co seu médico de Atención Primaria e non acudir ao centro hospitalario e a cita será reprogramada.

Ademais, deberán "ser puntuais" co horario da cita e "non acudir ao centro cunha antelación superior a 10 minutos previos á hora de citación", puntualizaron por parte da área sanitaria compostelá, que advirte de que "só se poderá ir acompañado no caso de que sexa estritamente necesario".

Aconsellan portar unha máscara cirúrxica e realizar hixiene de mans "antes e despois da consulta ou proba que teñan programada". Para iso na zona de consultas/probas hai dispensadores de solución hidroalcohólica.

Unha vez terminada a cita, o paciente abandonará a zona co fin de "non ocupar as salas de espera", subliñan as mesmas fontes, que indican que a cita posterior será tramitada directamente polo servizo de Admisión e chegará de forma automatizada por sms ao teléfono móbil.

Reunión Da Xerencia Da área Sanitaria De Santiago Con Representantes Do Consello Asesor De Pacientes Para Explicarlles O Plan De Reactivación Asistencial.G. ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO
Reunión Da Xerencia Da área Sanitaria De Santiago Con Representantes Do Consello Asesor De Pacientes Para Explicarlles O Plan De Reactivación Asistencial.G. ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta