Temas: AVE CIG BNG

O BNG e a CIG denuncian condicións de "escravitude" nas obras do AVE con xornadas de ata 21 horas

Lembran que hai unha "alta taxa de sinistralidade" nos tramos das obras do AVE a Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2020 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O BNG e a Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciaron que os traballadores das obras do AVE sofren condicións de "escravitude e explotación" con xornadas que, en ocasións, alcanzaron as 21 horas.

Traballos nun túnel das obras do AVE
Traballos nun túnel das obras do AVE | Fonte: CIG.

O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, presentou unha queixa na Cámara Baixa que recolle a denuncia efectuada pola CIG, que asegura que cada operario "traballa 12,5 horas de media ao día" chegando mesmo en ocasións a "case triplicar" a xornada legal de 8 horas.

"É inadmisible que na execución dunha obra pública os traballadores sexan explotados vulnerando a legalidade. Non se pode consentir que as concesionarias falseen os rexistros da xornada para permitir que, desa forma, os seus operarios dupliquen ou tripliquen a xornada laboral, sen respectar os períodos mínimos de descanso", aseverou Rego.

O parlamentario nacionalista lembra que existe unha "alta taxa de sinistralidade" nos tramos das obras do AVE a Galicia con "numerosos" feridos e accidentes con vítimas mortais. Neste sentido, Rego asegura que a situación dos traballadores é "coñecida e mesmo fomentada" polos mandos, aos que acusa de "presionar" aos operarios co consecuente "aumento das posibilidades de que se rexistre un accidente grave".

Pola súa banda, a CIG entregou un informe na Inspección de Traballo sobre as condicións de traballo nas vías do AVE entre Ourense e Lubiá, en concreto, no tramo máis próximo á Gudiña (Ourense).

A central asegura que nestes traballos se rexistaron "case 70.000 mil horas extras abusivas" nun ano "ante a mirada impasible do Ministerio de Fomento e da Xunta, que unicamente se preocupan polos anuncios electoralistas dos prazos das obras".

Temas: AVE CIG BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta