Os notarios galegos retoman de forma progresiva a normalidade

A Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública ditou unha instrución coas pautas a seguir.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/05/2020 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública ditou unha instrución coas pautas a seguir polos 17 colexios notariais —un por comunidade autónoma—, para que os notarios retornen de forma paulatina á normalidade, dado o seu carácter de servizo público de interese xeral.

Notario
Notario | Fonte: Arquivo

Desta forma, os colexios, seguindo o programa de recuperación da mobilidade e normalidade aprobado polo Goberno, procederán ao levantamento progresivo das actuais restricións, que ata agora só permitían atender casos de urxencia con cita previa.

Por iso, serán as xuntas directivas dos colexios notariais os encargados de acordar o levantamento das restricións segundo as fases na que se atope a súa comunidade autónoma, dada a distinta incidencia no ámbito local da pandemia e a súa evolución, vinculada á dimensión das distintas poboacións.

Segundo a decana do Colexio Notarial de Galicia, Isabel Louro García, aquí "probablemente haxa unha uniformidade e, por tanto, o criterio será unitario", atendendo as condicións establecidas pola Dirección Xeral.

Desde a declaración do estado de alarma a mediados de marzo, os despachos de notarios galegos atenderon asuntos urxentes "especialmente no que se refire a o financiamento das empresas, de forma que puidesen facer fronte á situación xerada estes meses", resaltou a decana.

FASES

Na fase preparatoria, ou cero, continuarán as actuacións con cita previa e a obriga de evitar aglomeracións, dando preferencia aos casos urxentes, mentres que, a partir da fase 1, a actuación notarial non estará limitada aos casos de urxencia, aínda que continuará a obriga da cita previa.

Así mesmo, durante a fase 2 continuarán as actuacións con cita previa e a obriga de evitar aglomeracións, aínda que a actuación notarial non terá limitación algunha e as súas saídas da oficina poderán realizarse sen limitación.

Por último, na fase avanzada 3, unicamente subsistirá a obriga de evitar as aglomeracións, polo que a cita previa pasará de ser obrigatoria a recomendable. Nas saídas, o notario poderá establecer e valorar as garantías sanitarias precisas para prestar a súa función.

En todas as fases garantirán as distancias mínimas de seguridade de dous metros, tanto nos espazos de traballo como nas zonas de acceso, espera e de atención ao público, para evitar a acumulación de persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta