#EuFaloGalego (tamén) nas redes: outra maneira de celebrar e reivindicar o Día das Letras

Orgullo Galego lanza unha iniciatia que busca converter en tendencia mundial este cancelo para visibilizar a nosa lingua, "atacada e discriminada". "Para que as crianzas non deixen de falar galego cando cheguen á escola", din.

Por Galicia Confidencial | LUGO | 10/05/2020 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Lonxe dun Día das Letras Galegas afuracado pola crise do coronavirus, xorden iniciativas para mantelo moi vivo. O deste ano non será un 17 de maio nas rúas, pero a celebración e a reivindicación correrá polas redes cunha iniciativa que busca converter en tendencia mundial o cancelo #EuFaloGalego. 

Cartel da iniciativa #EuFaloGalego
Cartel da iniciativa #EuFaloGalego | Fonte: Orgullo Galego

Esta proposta parte de Orgullo Galego, pero conta co apoio de diversas páxinas e perfís, ou mesmo da plataforma Queremos Galego, que tamén chiará en Twitter con outros cancelos como #QueremosGalego ou #PrecisamosDoGalego. A idea é encher as redes sociais con estas proclamas, así que animan a todo o tecido social a participar. "Chamamos a todos os galegos e galegas a que o domingo 17 de maio ás 12:00 chíen en Twitter co cancelo #EuFaloGalego até conseguir facelo tendencia mundial", explican.

"Desde Orgullo Galego buscamos visibilizar a nosa lingua nas redes sociais e especialmente entre a xente moza, mais tamén apostamos por un 17 de maio de loita e reivindicación, xa que a situación que vive o galego non é precisamente motivo de festexo", engaden. Por iso, non será unha iniciativa allea á situación real da lingua, "ataca e discriminada en moitos ámbitos".

"O Goberno da Xunta converteu o galego nunha lingua residual no sistema educativo", lamentan. A loita encamíñase en promover o uso da lingua en cada recuncho da vida diaria: "na prensa, televisión, radio, redes sociais, sistema xudicial, etc". E, sobre todo, din, "para que as crianzas non deixen de falar galego cando chegan á escola ou para que milleiros de galegos e galegas non sufran calquera caso de discriminación por usar a lingua propia desta terra".

 Por todo isto e máis, o vindeiro 17 de maio, #EuFaloGalego nas redes e sempre!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta