Feijóo volve presumir da súa sanidade: “Nunca tivemos unha presión asistencial tan baixa”

Pero, por que a xente non vai agora aos centros hospitalarios?. “Moita xente diminuíu a súa asistencia aos hospitais e tamén o Sergas reprogramou cirurxía”, contesta ao ser preguntado por Galicia Confidencial polo medo da xente a contaxiarse coa Covid-19.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/05/2020 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta volveu presumir este domingo da situación da sanidade pública galega. “Nunca houbo tantas camas libres de UCI e hospitalización”, dixo destacando que esta situación permite que Galicia teña pasado á fase 1 e poida xa pensar na fase 2.

Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do 24 de abril. XUNTA
Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do 24 de abril. XUNTA

Na rolda de prensa posterior a xuntanza de presidentes autonómicos con Pedro Sánchez, Feijóo presumiu de que o 63% das camas UCI e o 49% das camas en hospitalización “están libres”. “Nunca tivemos tanta potencia instalada para patoloxías como neste momento”, destacou. Unha situación, dixo, que é moi propicia para “ir avanzando de fases”.

Pero, por que, curiosamente, hai tan pouca presión asistencial na sanidade galega, cando, en circunstancias normais antes da pandemia, había numerosas denuncias de colapsos en urxencias e Atención Primaria?. Galicia Confidencial preguntoulle a Feijóo polos motivos e tivo que recoñecer que, preciamente, o confinamento e o medo á Covid-19 está axudando a que os galegos non vaian aos hospital.

Así, o presidente galego dixo que hai máis camas libres porque “moita xente” deixou de acudir aos hospitais e porque o propio Sergas tamén reprogramou numerosas cirurxías. “Estes dous factores están dando lugar a moita menor presión asistenciais e temos o 49% das camas baleiras”, apuntou.

Con todo, recoñeceu que o Sergas, ante esta situación, aprobou xa protocolos para activar a cirurxía maior sen ingreso e patoloxía de prioridade 1, que si requiren ingresos. “Tamén estamos barallando ir activando a actividade hospitaliaria e tamén a de Atención Sanitaria”, dixo ao tempo que tamén destacou que Galicia “está nos mellores momentos de atender esta pandemia se hai rebrotes”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta