O transporte público autonómico reactívase coa metade do aforamento e o uso obrigatorio de máscara

Este luns entran en vigor as novas medidas para a reactivación do servizo en condicións de seguridade para usuarios e traballadores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2020 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O transporte público autonómico comezou este luns a reactivarse con medidas para garantir a seguridade de usuarios e traballadores, como a ocupación só da metade do aforamento, o uso obrigatorio de máscaras, a recomendación de empregar luvas e de manter a distancia de seguridade.

As medidas, publicadas o pasado venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), son de aplicación nos servizos de transporte público terrestre de titularidade da Xunta que se desenvolven integramente no territorio galego e nos de transporte marítimo que levan a cabo entre portos ou puntos de Galicia.

Segundo explicou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dita orde especifica que a reactivación paulatina da actividade no transporte se establecerá en función da evolución epidemiolóxica na que se atope Galicia para garantir en todo momento un transporte seguro e, de feito, distingue diferentes tipos de servizos e horarios segundo as unidades territoriais establecidas pola autoridade sanitaria.

Así mesmo, detalla medidas comúns de protección da saúde e hixiénico-sanitarias que deben adoptar os viaxeiros e o persoal de condución ou acompañante, pero tamén especificacións para a limpeza dos vehículos e embarcacións e para as infraestruturas de transporte (estacións de autobuses e paradas), así como a disposición de elementos de sinalización recordatorios das prohibicións, obrigacións e recomendacións en materia de hixiene.

Para acceder ao transporte público e mentres permanezan no seu interior, os viaxeiros teñen a obrigación de usar máscara, sendo recomendable tamén o emprego de luvas. Ademais, deben manter --na medida do posible-- as distancias de seguridade (dous metros) durante o acceso e saída dos vehículos ou embarcacións e, se presentan síntomas ou consideran que teñen probabilidade de infección, deberán absterse de empregar ditos servizos.

A Xunta aconsella que as persoas especialmente vulnerables non fagan uso do transporte público e recomenda realizar o pago mediante o cartón de transporte metropolitano ou por medios tecnolóxicos similares para evitar o contacto co persoal de condución.

En calquera caso, instalaranse dispensadores de xeles hidroalcohólicos en todos os vehículos e embarcacións, sendo obrigatorio o uso destes antes e despois de realizar o pago cando se realice en metálico.

CONDUTORES E ACOMPAÑANTES

En canto ao persoal de condución ou acompañante, están na obrigación de usar máscara, ademais de dispor dos equipos de protección determinados polos servizos de prevención de riscos laborais e respectar as medidas en materia de hixiene, saúde pública e seguridade no traballo. Ademais, deben informar e orientar de forma adecuada os viaxeiros.

No que respecta á capacidade dos vehículos e embarcacións, a oferta de prazas dispoñibles debe limitarse á metade da súa capacidade, debendo garantir que non se ocupe máis dun sinto da mesma fila, excepto por familias ou persoa que convivan xuntas, nin asentos contiguos, ademais de impedir a ocupación da primeira fila detrás do condutor.

A Xunta tamén recomenda a instalación de biombos ou pantallas transparentes que separen dito posto da zona empregada polos usuarios.

VEHÍCULOS CON PRAZAS DE PÉ

Nos vehículos con prazas de pé, deberase manter a distancia física entre as persoas usuarias co fin de manterse en valores inferiores a dúas persoas por metro cadrado. Tamén se extremarán as medidas de limpeza: cada cambio de quenda recoméndase realizar unha limpeza, na que se deben desinfectar completamente os vehículos ou embarcacións, polo menos unha vez ao día. Ademais, sempre que sexa posible, manteranse ventilados de forma natural.

OFERTA

A oferta de servizos de transporte público regular de titularidade da Xunta que se desenvolven dentro da mesma unidade territorial será dun mínimo do 80% en horario punta, é dicir, entre as 06,00 e as 09,30 horas e entre as 13,00 e as 16,00 horas dos días laborais e dun 50% en horarios val.

Esta oferta reducirase e un mínimo do 50% cando se trate de servizos de transporte a desenvolver entre dúas unidades territoriais diferentes. Ademais, as empresas concesionarias adaptarán a súa oferta de tal forma que se garanta á cidadanía o acceso aos principais servizos básicos e centros de traballo.

Autobús urbano Santiago de Compostela Galicia viaxeiros autobús urbano. EUROPA PRESS - Arquivo
Autobús urbano Santiago de Compostela Galicia viaxeiros autobús urbano. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta