Os sanitarios falan da sanidade da que presume Feijóo: “Traballamos en primeira liña e recibimos desemprego”

O presidente galego presume dos contratos realizados nos últimos meses e de que o 50% das camas están libres. Os traballadores lembran que foron eles os que loitaron contra o coronavirus e agora están sen contrato e cun Sergas que non respecta as listas de contratación.

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 11/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O colectivo de sanitarios segue indignado con Alberto Núñez Feijóo. Moitos deles contactaron coa redacción de Galicia Confidencial nos últimos días para amosar o seu enfado e indignación coas declaracións de Feijóo. O presidente insistía este domingo en destacar que ten o sistema sanitario perfectamente preparado e no mellor momento para afrontar rebrotes de Covid. Hai uns días presumía da situación laboral dos sanitarios e do gran número de contratos realizados nos últimos meses, “ata 1.700”, indicaba.

Hai unha semanas eramos esenciais, agora somos números dunha campaña electoral, denunciaban os profesionais neste medio tras superar a primera fase do confinamento e os momentos máis duros da loita contra a Covid. E é que moitos deles son eventuais e traballan por contratos puntuais. De feito, o Sergas ten unha lista de contratación que o pasado ano era de 35.000 persoas. E, algúns deses contratados traballan por días e mesmo por horas. “Eu cheguei a acumular 600 contratos en seis anos”, apuntaba Diego.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sorprendeuse este venres polas críticas do colectivo de sanitarios que nos últimos días lles fixeron chegar a este medio e que denuncian a súa precarización laboral e lembrou que nos últimos meses o Sergas realizou 1.700 contratacións. A maioría deses contratos, como denuncian os profesionais, son por días ou semanas e non se respectan as listas do propio Sergas.

Profesionais sanitarios traballan nun hospital. FRANCISCO HAVIA
Profesionais sanitarios traballan nun hospital. FRANCISCO HAVIA | Fonte: UNIVERSIDADE DE VIGO

OS SANITARIOS, CANSOS

As declaracións acenderon aínda máis o ánimo dos profesionais que estouparon este luns tras escoitar o venres e tamén este domingo ao presidente da Xunta presumir da situación da sanidade pública galega.Nunca houbo tantas camas libres de UCI e hospitalización”, dixo destacando que esta situación permite que Galicia teña pasado á fase 1 e poida xa pensar na fase 2. Así, apuntaba que o 63% das camas UCI e o 49% das camas en hospitalización “están libres”. “Nunca tivemos tanta potencia instalada para patoloxías como neste momento”, destacou. Unha situación, dixo, que é moi propicia para “ir avanzando de fases”.

“Moitos de nós estivemos traballando en primeira liña, moveunos dos nosos servizos para traballar en unidades de COVID e a cambio recibimos unha situación de desemprego sen unha causa xustificada e sen optar a ningunha compensación”, denuncia a sanitaria Natalia en declaracións ao Galicia Confidencial.

“Non sei se con isto déronse de conta que quedamos na rúa, quedamos sen puntuar para as listas de contratación e quedamos sen cobrar. O que nos fai que nos sintamos desprezadas polo trato da nosa sanidade pública”, critica ao insistir na “falta de respecto e abuso de autoridade” do Sergas.

Tamén a técnica Sanitaria Laura di que Feijóo manipula a situación da sanidade pública. “Déixanos na rúa ás que levabamos moitos meses con pacientes covid , ata que veu toda esta xente , só estabamos nós ,sen axuda , e agora deciden que non somos ninguén, ignórannos e pretenden dicir que o fixeron ben”, indica en declaracións a este medio.

Tanto Natalia como Laura refírense a que o Sergas non está respectando a lista de contratación tras ampliar contrato aos MIR e EIR e outros profesionais contratados en marzo para afrontar o pico do coronavirus. Un feito que denunciou o Sindicato dos Profesionais da Sanidade Pública Galega (Prosagap) a pasada semana e tamén este luns CIG-Saúde.

SINDICATOS

Prosagap confirmaba a existencia desta situación e comezou xa a denunciar ante as xerencias hospitalarias. Así, acusaba á Xunta de utilizar o estado de alarma, o Sergas está “incumprindo” os acordos laborais asinados, incluíndo o propio pacto de selección temporal .

Unha situación que segundo indica provoca que non exista un criterio “sólido e unánime” que xustifique  a renovación ou ampliación  de determinados contratos e o cese doutros . “Os principios de publicidade, mérito e capacidade que deben rexer o emprego público neste momento desapareceron”, apuntaba.

Tamén este martes, CIG-Saúde reclamaba a "publicación inmediata" das listas de contratación do persoal facultativo e a convocatoria da Mesa Sectorial para abordar, entre outras cuestións, as necesidades das unidades de hospitalización, UCI e Atención Primaria en relación á COVID-19.

Esta central sindical reitera que a decisión de prorrogar os contratos MIR e EIR suporá que o persoal das listas "non poida traballar" porque esa "contratación vai pasar por encima de todo o persoal inscrito nas actuais listas de contratacións".

Persoal sanitario atendendo a un paciente con coronavirus nunha sala da UCI do hospital
Persoal sanitario atendendo a un paciente con coronavirus nunha sala da UCI do hospital | Fonte: médicos e enfermeiros
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xustiza

teño 800 contratos... pero non importa.... AQUI O IMPORTANTE E SABER O NOME E APELIDOS dos altos cargos políticos que viñeron infectados de Madrid a Galiza publiquen ises nomes... os nomes dos miserabeis "atoleados" e faltos de escrupulos que non lles importou por en risco a vida dos GALEGOS!!!! poñan ises nomes e os cargos....