É unha "temeridade" e unha "irresponsabilidade" convocar eleccións en xullo?

Os partidos da oposición cargan duramente contra Feijóo por insistir en convocar elección. Galicia en Común cre que o presidente galego "actúa en clave de campaña" e o BNG lémbralle que ten que consultar as datas coa oposición.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2020 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

O portavoz da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coincidiron este martes en que convocar eleccións neste momento é unha "temeridade" e unha "irresponsabilidade".

A convocatoria de eleccións é unha potestade estatutaria que lle outorga ao presidente da Xunta a capacidade plena de disolver o hemiciclo e chamar ás urnas, como fixo o pasado 11 de febreiro, despois de que tamén o anunciou o lehendakari, Iñigo Urkullu.

Pero a situación de crise sanitaria levou aos partidos políticos a pactar a suspensión da cita electoral, prevista para o 5 de abril, o cal obtivo o aval xurídico da xunta electoral. No decreto aprobado polo Consello da Xunta, do 18 de marzo, recóllese que o presidente do Goberno autonómico terá que consultar ás principais forzas políticas, tendo en conta que entenden os xurídicos que o proceso de consenso que levou ao adiamento da cita electoral debe terse en conta á hora de reinicialo.

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, deposita o seu voto nas urnas das eleccións xerais do 10N. CEDIDA
O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, deposita o seu voto nas urnas das eleccións xerais do 10N. CEDIDA

"IRRESPONSABILIDADE HISTÓRICA"

Antón Gómez-Reino considera que "quen actúe en clave de campaña" nun momento como o actual "comete unha irresponsabilidade histórica", pois cre que é necesario que as forzas políticas traballen en combater os efectos da epidemia, tanto a nivel de saúde como económico.

"Non estamos en campaña electoral. Nin sequiera en precampaña. Quen pense ou actúe coma se estivésemos en campaña electoral é un irresponsable que está a pór en perigo a saúde de todas as galegas", apuntou Gómez-Reino, que pide que a "lexítima rivalidade democrática dunha campaña non sexa obstáculo para a recuperación das garantías de saúde e a reconstrución socioeconómica" do país.

Neste sentido, lamentou que a Xunta sexa "líder en opacidade" á hora de ofrecer información sobre a pandemia, o que lle levou a sentenciar que "os datos salvan vidas", polo que instou ao Executivo autonómico a actuar de forma "máis" transparente.

"TEMERIDADE"

Tamén en rolda de prensa este martes, Ana Pontón dixo que é unha "temeridade" chamar ás urnas neste momento, cando o que se "necesita é un goberno e un conxunto da sociedade" centrados en "gañar a batalla" ao coronavirus. "Feijóo é o único galego que está a pensar nas eleccións, os galegos están preocupados por como van conciliar, como van pagar facturas, por se van ter emprego...", enumerou.

Dito isto, a dirixente nacionalista lembrou que o acordo dos grupos políticos non era só convocalos previamente á fixación de nova data, senón que tamén pactaron que mentres estivese de alarma non se convocaría unha nova cita coas urnas, polo que, se se cumpre o acordado, ata polo menos o 25 de maio non poderían sinalarse novos comicios no calendario.

"E agora, cando a unidade na loita contra o covid-19 é máis importante que nunca, xa non considera unha prioridade a loita contra o coronavirus, nin priorizar a saúde dos galegos. Non é o momento de eleccións, estamos nunha situación que require que todos os gobernos estean na loita contra o covid-19", aseverou Ana Pontón, quen insistiu en que se trata de "unha auténtica temeridade falar de convocatoria electoral".

Pero "se quere ir a eleccións canto antes, ten que convocar xa aos partidos políticos". Neste sentido, asegurou que lle trasladará que considera que se trata dunha "temeridade" e que "ningún galego está a pensar niso, senón en facerlle fronte" ao coronavirus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Ana

Queremos votar mais non so cada 4 anos, queremos votar cada decisión que nos afecte como por exemplo rematar co estado de alarma ou que non se obrigue a vacunar nin a levar mascarillas. Quen queira estar confinado na sua casa e respirar dióxido de carbono e libre de facelo, mais outras persoas preferimos a "inmunidade de rebaño", respirar "osixero". tomar o sol e disfrutar do saudable que é bañarse na praia. Se os políticos nos recomentan "teletraballo" nos queremos tamen poder votar dende a casa cada decisión que nos afecte.

3 Galeguiña

Pero estes da oposición non ían barrer ao PP nas urnas? Non foi "Caballero pequeno" quen dixo que o tempo de Feijóo na Xunta estaba finiquitado? Non dixo Ana Pontón que o tempo da maioría do PP estaba esgotado? Do Gómez Reino non lembro nada do que dixo, cecais por que non ten nada interesante que dicir. E creo que falta un destes catro xinetes do Apocalipsis, pero con semellante sopa de letras, non son que de aclarar os que son nin o que representan. Cando os escoitas falar todos din o mesmo,e dicir..nada

2 galegoexiliado

NON, non é unha "temeridade" convocar eleccions. Hai que celebralas canto antes e acabar con este desgoberno e as suas nefastas e mortíferas políticas sanitarias e sociais. ¿A que quere agardar a esquerda, a que morran todolos vellos e non lle queden votantes ó sr Nuñez Ayuso?. ¿Quén se fará responsable das mortes acaecidas por manter este desgoberno e as suas políticas sociais e sanitarias?.

1 Gamela

Semella que todos están encantados co estado de alarma ? Por eles podemos pasar a vida confinados e tan contentes... Pero non haberá algo máis de Sentidiño ? https://twitter.com/00Gamela/status...