O BNG pide un plan para o transporte con descontos e rebaixas da AP-9

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2020 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este martes un plan para o transporte de viaxeiros, que pase por potenciar os desprazamentos colectivos, con descontos para usuarios, e rebaixas nas peaxes da AP-9, que sirvan de axuda a un colectivo que estará afectado, avisou, máis aló de que pase esta crise sanitaria e se levante o estado de alarma.

Pontón reuniuse este martes, xunto ao deputado Luís Bará, con representantes do sector do transporte de viaxeiros en Galicia agrupados nas asociacións Fegabus, Fegatravi e Anetra. Tras o encontro, incidiu en que "non se pode perder de vista que non saíu da recesión de 2008 e nin sequera en 2018 recuperara o número de viaxeiros". "E cando parecía que había unha perspectiva de recuperación, un novo golpe", lamentou.

Por iso, Pontón reclamou medidas ás diferentes administracións implicadas, empezando pola subministración de máscaras para o uso do transporte público, que deberá "garantir" a Xunta como unha medida de saúde pública.

Tamén solicitou adaptar os contratos de concesión de servizos vixentes, ante o "parón e efecto prolongado" que vai ter a crise do coronavirus no sector. "Hai que adaptar as concesións que hai vixentes neste momento", insistiu.

En canto a medidas económicas, tamén propuxo descontos en billetes, estender as medidas de gratuidade das áreas metropolitanas a toda Galicia (con gratuidade para os menores de 18 anos) e promover a utilización do transporte público como media alternativa á circulación en vehículos privados.

Así mesmo, defendeu habilitar medidas do Igape para facer fronte aos préstamos de leasing ou renting das empresas, co fin de que poidan aprazar os pagos que teñen, debido a que agora non contarán con ingresos, así como axudas para poder modernizar a tecnoloxía da frota --reservas dixitais, etc.--, localización de frota e uso de enerxías renovables.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en rolda de prensa este martes. BNG
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en rolda de prensa este martes. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta