Os concellos falan de incidencias puntuais na reapertura de terrazas e piden "responsabilidade"

O dono dun bar de Ferrol alegou que era a súa vivenda e outros as colocaron sen ter autorización.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 12/05/2020 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

A apertura das terrazas nos locais de hostalaría produciuse, en xeral, en Galicia nun contexto de normalidade, aínda que con algunhas incidencias puntuais nalgúns municipios, segundo aseguraron desde distintos concellos consultados.

Terraza aberta en Vigo o primeiro día da Fase 1 de desescalada na crise do coronavirus
Terraza aberta en Vigo o primeiro día da Fase 1 de desescalada na crise do coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Así, en Vigo, o alcalde, Abel Caballero, informou este martes da intervención da Policía Local nunha cafetaría que non respectou o aforamento dunha terraza interior. En Ferrol, a Policía Local denunciou, sobre a unha da pasada madrugada, ao propietario dun local e a cinco clientes que se atopaban no mesmo por incumprir o estado de alarma.

"Estaban a consumir bebidas, carecían de medidas de protección individual e non gardaban a distancia mínima de seguridade", expuxeron desde o Consistorio. Aos axentes, o dono do local aseguroulles que se trataba do seu domicilio e que era unha reunión de amigos, pero os policías confirmaron que non había vivenda e que as consumicións se preparaban na barra do bar.

En Ourense, houbo tamén varios incumprimentos. "Un por falta de respecto á autoridade con graves insultos e doce chamadas de denuncias de veciños", expuxeron. A iso, sumou o feito de que algúns hostaleiros "colocaron sen licenza ou autorización terrazas". No caso dos comercios, indicaron que se detectou que unha barbaría tiña "catro persoas dentro e só pode haber unha por empregado".

"Houbo uns poucos que embazaron o bo facer do resto", aseguraron desde o Concello da Coruña, no que precisaron que xa houbo "algunha sanción". No entanto, incidiron, como outros municipios consultados, en que se fixo, sobre todo, "un traballo enorme de aplicación da nova instrución".

PIDEN NON "RELAXARSE"

"E a maioría cumpriron", apostilaron desde A Coruña a pesar de existir algún local no que se vía nas terrazas xente sen cumprir as medidas de distanciamento. Desde este concello como desde outros se insistiu na importancia de non "relaxarse" nesta fase de desescalada, apelando tanto á cidadanía como a este sector e lembrando as normas establecidas polo Goberno e fixadas, á súa vez, polos consistorios.

"Non pode suceder que a terraza ocupe toda a beirarrúa e os peóns teñan que baixarse á calzada, e onte ocorreu", lamentou o alcalde de Vigo, Abel Caballero. No mesmo, coincidiron outros municipios, na afluencia nas terrazas, sobre todo nas primeiras horas.

Tamén advirten que o labor da Policía Local foi informativa este primeiro día. "Se vemos que o sentido común non aparece, empezaríase a multar", sinalou o alcalde de Vigo, unha cidade na que non se sancionou a ninguén.

Mentres, o concelleiro da Coruña de Urbanismo, Juan Manuel Díaz Villosllada, recalcou, nun comunicado emitido polo Consistorio, nas normas fixadas a este respecto, como o número de mesas permitidas ou os criterios para poder ampliar as terrazas.

Á súa vez, o edil de Seguridade Cidadá de Ferrol, Germán Costoya, apelou, como os demais, á "responsabilidade e prudencia", lembrando que incumprir as normas "supón sancións dun mínimo de 600 euros". Só nesta cidade, a Policía Local tivo que facer tamén máis de dez advertencias aclaratorias a locais con respecto á normativa.

En Lugo, a alcaldesa, Lara Méndez, abordou, mentres, co sector as súas propostas ao plan para modificar os espazos públicos para ampliar as terrazas. No encontro, a rexedora apelou á necesidade de ser "respectuoso co mantemento dos espazos para peóns" e para a circulación de vehículos de emerxencia.

POUCAS APERTURAS

Municipios con menos poboación subliñaron a normalidade na apertura das terrazas daqueles establecementos que optaron por facelo. Así o trasladaron desde Viveiro (Lugo); Betanzos e Carballo (A Coruña) ou Baiona e Cangas, en Pontevedra.

"Abriron poucos", apuntaron desde o Consistorio de Betanzos, en liña co trasladado por estes outros concellos. Desde este municipio coruñés precisaron tamén que a maior concentración de persoas foi ás primeiras horas, pero que logo se normalizou "sen incidencias". A iso, sumáronse preguntas sobre o horario de apertura das terrazas.

En Viveiro, só abriron "tres terrazas", segundo precisou a súa alcaldesa, María Loureiro, que confirmou que por parte da Policía Local se fixo, principalmente, "labor pedagóxica" sobre o cumprimento das normas. "Practicamente ningunha", apuntou o rexedor de Carballo, Evencio Ferrero, respecto da situación no centro urbano asegurando, como os demais, que o sector está a esperar a unha seguinte fase.

"Non máis aló dun 10 ou un 15%", precisou o rexedor de Cangas, Xosé Manuel Pazos, sobre os establecementos que optaron por abrir terrazas. Neste municipio, confirmaron a existencia dalgunhas queixas por detectarse "máis concentración" de xente. Tamén noutros municipios como o caso de Baiona a apertura non chegou ao 10%. "Moitos esperarán a abrir na fase 2 e a maioría farao na 3", apuntou o seu alcalde, Carlos Gómez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta