Pechan dous locais de hostalaría da Coruña ante a "actitude irresponsable dunha minoría"

Fano como "medida extraordinaria de concienciación social" e para "garantir" a seguridade dos clientes e empregados.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 12/05/2020 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

Dous locais de hostalaría da Coruña, situados na praza de Vigo, decidiron pechar a pesar de abrir o luns as súas terrazas na fase 1 da desescalada. Fano, segundo informa a dirección de Cafetarías Herculinas, ante a "actitude irresponsable dunha minoría".

Trátase dos locais Central Park Coruña e Roots Urban Food, ambos situados nesta céntrica praza da cidade herculina e da que se difundiron imaxes de persoas incumprindo o distanciamento social establecido.

Nun comunicado, a dirección explica que abriron as terrazas dos seus establecementos amparados na orde do Goberno e que o fixeron "seguindo as normativas establecidas pola Concellaría de Urbanismo respecto ao número de mesas e separación". "E coa colaboración e autorización in situ da Policía Local da Coruña esa mesma mañá", subliña. A iso suma os protocolos internos de seguridade e saúde na empresa, así como a publicación das normas de uso da terraza para clientes en "carteis na terraza e nas redes sociais", explica.

Con todo, engade que "ante a irresponsable actitude dunha minoría e, como medida extraordinaria de concienciación social", así como para "garantir" a seguridade dos seus clientes e empregados, decidiron pechar os seus establecementos "ata próximo aviso".

A dirección asegura que avoga "polo cumprimento estrito das medidas adoptadas polas administracións por parte de todo o sector de hostalaría, como medida necesaria e efectiva para poder exercer a nosa actividade de maneira sostible e segura".

Tamén lembran o número de falecidos en España por causa da pandemia e a existencia dun estado de alarma "por emerxencia sanitaria". Mentres, agradecen "o comportamento da inmensa maioría dos cidadáns" e, especialmente, "a magnífica colaboración da Policía Local e o Concello da Coruña".

Dous locais de hostalaría da praza de Vigo que pechan para garantir a 'seguridade' de clientes e empregados. CAFETERIAS HERCULINAS
Dous locais de hostalaría da praza de Vigo que pechan para garantir a 'seguridade' de clientes e empregados. CAFETERIAS HERCULINAS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta