As bibliotecas impulsan mostras virtuais e accións nas redes para este 17 de Maio

A conmemoración de Carvalho Calero será, desta vez, virtual.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2020 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

As bibliotecas públicas galegas súmanse á conmemoración virtual de Carvalho Calero, con diversas actividades, exposicións e alternativas que aproveitarán os medios dixitais e telemáticos para compensar as restricións provocadas pola crise sanitaria e a reprogramación do calendario de eventos polas Letras Galegas.

A Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña difundirá unha guía de lectura sobre o escritor ferrolán e outra sobre a súa vida e obra, que será obxecto de concursos e accións nas redes.

A Biblioteca Pública de Lugo mantén a mostra Carvalho Calero Lucense, unha exposición virtual que presenta unha liña de tempo coa súa obra poética, teatral, de prosa e ensaio escrita durante a súa estancia na provincia.

Doutra banda, a Biblioteca Pública de Ourense unirá esta conmemoración á 'festa dos maios' cunha creación floral dedicada a Carvalho Calero, unha mostra dixital sobre a súa obra e outra sobre autores en galego.

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra sacará adiante a iniciativa 'Letras con moito ritmo', na que convidará o publico infantil a escribir e recitar poesía, ademais de ofrecer a exposición 'Ricardo Carvalho Calero: compromiso coa lingua'.

En Santiago, a Biblioteca Pública Ánxel Casal tamén contará cunha exposición virtual nas súas redes sociais, con infografías, e a difusión de fondos da plataforma 'GaliciaLe'.

A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel contará coas mostras virtuais 'Carvalho Calero, Pretérito (im)Perfecto: traxectoria e obra' e 'As Letras de grandes e pequenos', esta última pensada en clave infantil.

Finalmente, a Biblioteca de Galicia incluirá unha sección no seu portal con todos os artigos e poemas publicados por Carvalho Calero nas diferentes cabeceiras de prensa galega e que se atopan dixitalizados, e publicará unha relación con todos os recursos dispoñibles na rede.

Ricardo Carvalho Calero.
Ricardo Carvalho Calero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta