Galicia, entre as autonomías onde máis alumnado de secundaria estuda un segundo idioma

Menos do 30% dos alumnos de ESO de Baleares cursa un segundo idioma estranxeiro

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2020 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

Galicia é unha das dúas comunidades autónomas con maior porcentaxe de alumnos de secundaria que cursa un segundo idioma estranxeiro. En concreto, un 69,3 por cento, unicamente superada por Canarias, cun 78,7%.

Illas Baleares, Comunidade Valenciana, País Vasco e Cataluña están por baixo do 30%, mentres que a media estatal se sitúa no 41,6% de alumnos que cursan un segundo idioma estranxeiro.

As porcentaxes de alumnado tanto de ESO como de Bacharelato que cursa un segundo idioma son similares aos de anos anteriores. En todas as etapas educativas, a segunda lingua é principalmente o francés.

En Bacharelato, a porcentaxe de alumnado que cursa unha segunda lingua estranxeira no Estado sitúase no 24,1%. É especialmente importante en Andalucía, onde alcanza o 64,8%, moi por diante do resto das comunidades, encabezadas pola Comunidade Foral de Navarra, cun 22,1%.

En canto aos Ensinos de Idiomas de Réxime Especial, o seu alumnado ascende no curso 2018-2019 a 385.413, dos que 250.902 alumnos estudan inglés, incluíndo o réxime a distancia.

O ensino dunha lingua estranxeira é obrigatoria unicamente a partir de Primaria, pero o 84,8% dos alumnos de Infantil tivo algún tipo de contacto cun idioma estranxeiro, esencialmente o inglés. Esta porcentaxe sufriu un incremento notablemente no últimos dez anos xa que no curso 2008-2009 era do 65,6%.

Tamén aumentou significativamente o número de alumnos de educación primaria que estudan un segundo idioma, pasando do 5,8% do alumnado no curso 2013-2014 ao 20% en 2018-2019.

ESTUDOS BILINGÜES

Doutra banda, un total de 1.609.141 alumnos participaron nalgunha experiencia de ensino bilingüe en España durante o curso 2018-2019, segundo o Ministerio de Educación e Formación Profesional, o que supón case o 425 dos estudantes de Primaria en todo o Estado.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional detalla que a porcentaxe de alumnos que participaron nestes modelos bilingües aumentou do 38,7% no curso anterior ao 41,8% en Educación primaria. En Secundaria o incremento foi do 28,4% ao 31% e do 8,9% ao 9,7% en Bacharelato.

En Primaria, do 41,8% que intervén nese ensino bilingüe, o 35,6% participa nun programa de aprendizaxe integrada de contidos e lingua estranxeira, o 4,8% noutras experiencias e o 1,4% está matriculado en centros estranxeiros. En ESO, do 31% que cursa ese ensino un 26,4% faino en programas integrados, o 3,4% noutras experiencias e o 1,2% restante en centros estranxeiros.

Por centros, o 45,4% dos que imparten Educación primaria ten algunha experiencia de utilización dunha lingua estranxeira como lingua de ensino, así como o 45,2% dos que imparten ESO. Por outra banda, o 36,8% dos centros de Primaria e o 35,3% de ESO ofrece programas de aprendizaxe integrada.

As cifras son menores nos centros de Bacharelato, apunta o Ministerio de Educación: só o 16,4% ten algún tipo de experiencia de ensino bilingüe, e o 11,7% un programa de aprendizaxe integrada.

Estudantes na selectividade no campus de Vigo, Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU)
Estudantes na selectividade no campus de Vigo, Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) | Fonte: @ Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta