O sector da cultura e do audiovisual carga contra a Xunta: "Só pensa no Xacobeo"

Profesionais do audiovisual din que non están dispostos a "tragar con todo", mentres que xestores culturais acusan ao Goberno galego de falta de información.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/05/2020 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Asociacións de profesionais do sector audiovisual de Galicia reclaman unha maior atención por parte da Consellería de Cultura así como da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais). O motivo é que desde a declaración do estado de alarma, os ingresos do audiovisual galego teñen minguado.

Alberto Núñez Feijóo intervén ante os medios tras a reunión da comisión Organizadora do Xacobeo 2021.. XUNTA DE GALICIA
Alberto Núñez Feijóo intervén ante os medios tras a reunión da comisión Organizadora do Xacobeo 2021.. XUNTA DE GALICIA

A AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas) e CREA (Asociación Galega de profesionais da Dirección e Realización) reclaman á Consellería de Cultura e a AGADIC, que concreten o plan de reactivación presentado por estes departamentos para o sector. A petición faise tendo recordando que a maioría dos e das traballadoras do audiovisual son autónomos, sen posibilidade de acollerse a ERTE e sen posibilidade de ver materializarse novos proxectos.

Tanto AGAG como CREA denuncian a falta de diálogo por parte das autoridades galegas mentres estas anuncian un plan de acción para o sector. Aínda así, “nin AGADIC no caso de AGAG nin a Consellería de Cultura se molestaron en preguntarnos cales eran as nosas necesidades. Sentóusenos á mesa cun menú pechado”, declaran as dúas asociacións de profesionais do audiovisual. Pero avisan que non están dispostos a “tragar con todo”.

Entenden que “as boas intencións” que están detrás dos plans da Xunta deben ser consensuadas con todos os segmentos do sector, desde guionistas, produción e actores e actrices. Reclaman abrir unha mesa de diálogo para definir aquelas medidas que con maior urxencia necesita o audiovisual, tanto as medidas do Plan de Reactivación, como aqueloutras que  “son esenciais para a correcta recuperación dunha industria que move Galicia con apelido de excelencia por todo o mundo”.

MÁIS CRÍTICAS

Outras entidades e axentes do sector cultural criticaron tamén o plan de reactivación cultural presentado polo conselleiro de Cultura o xoves pasado. A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) criticou a "predominancia" do Xacobeo 21 no plan, a "falta de protección á diversidade de áreas no sector cultural" e a "falta de información sobre a adaptación do orzamento de 2020 da Cidade da Cultura".

Pola súa banda, a Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A Colectiva) considera que o plan "protexe fundamentalmente á industria cultural e á turística deixando de lado a materia prima do ámbito artístico, os artistas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta