Ausencia de incidencias nas terrazas, aínda que os concellos alertan de posibles sancións

O alcalde de Vigo di que non lle tremerá o "pulso" e a subdelegada en Pontevedra advirte de "máis contundencia".

Por E.P. | A CORUÑA | 13/05/2020 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

Os concellos das principais cidades galegas destacaron a ausencia de incidencias en relación coa apertura das terrazas, tras os problemas rexistrados nos primeiros días cun maior número de xente e incumprimento nalgúns casos das medidas de distancia social.

Este é o caso de Ourense, pero tamén da Coruña. En ambos, fontes municipais confirmaron a Europa Press que non rexistraron problemas. "Todo moi correcto", dixeron desde o Consistorio coruñés, remarcando que non houbo "nin unha soa sanción", pero que tamén axudou na xornada do martes o feito de que chovese, o que fixo que se rexistrase unha menor presenza.

Nos municipios nos que a actuación de control corresponde á Garda Civil --polo seu número de poboación-- non hai "apenas" terrazas. Tampouco nos concellos máis grandes moitos establecementos optaron pola reapertura.

"Non están a ser moitos porque a maioría xa avisou de que non abrirían ata a seguinte fase da desescalada e tamén influíu o feito de que fixo mal tempo", apuntaron, en concreto, sobre a xornada do martes desde o Consistorio de Lugo. Tamén confirmaron que, no seu caso, a Policía Local non levantou ningunha acta por infracción.

"Só se trasladaron indicacións para que se gardase a distancia de seguridade entre mesas", afirman desde este Concello, que apelan á poboación para que acate "as medidas de seguridade" para facilitar o proceso de desescalada.

No caso de Ferrol, confirman que 24 locais solicitaron ampliar as súas terrazas, aínda que inciden en que detectaron a apertura de "menos" que cando se entrou na fase 1.

MÁIS CONTUNDENCIA POLICIAL

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que mantivo unha videconferencia co Centro de Coordinación Operativa desta provincia para avaliar o cumprimento das medidas da fase 1, destacou o "comportamento exemplar" de toda a provincia, a pesar da a "actitude insolidaria dunha minoría que pon en risco a saúde do resto da poboación".

Respecto diso, incidiu en que o ocorrido "nalgunhas terrazas" na provincia "cun incumprimento das mínimas medidas sanitarias non se pode volver repetir". Tamén advertiu de que as forzas de seguridade do Estado serán "contundentes" con estas actitudes, en alusión a posibles sancións.

Sobre isto o rexedor de Vigo, Abel Caballero, confirmou que a Policía Local deste municipio "sancionou" este martes. "Cando teño que decidir non me treme o pulso", recalcou o alcalde, quen insistiu en que estamos ante unha situación de "vida ou morte".

Tamén fixo unha advertencia "seria" aos responsables dos locais e á clientela para que cumpran a normativa. Así mesmo, agradeceu o posicionamento da asociación provincial de hostalaría lamentando as condutas detectadas nalgúns casos. Deles, dixo que foron "feitos concretos en lugares concretos", pero insistiu na necesidade de tomalo con "seriedade e responsabilidade".

Volta tranquila ás terrazas © Miguel Núñez
Volta tranquila ás terrazas © Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta