Elena Penas, estudante: "Som reintegracionista por compromiso com o nosso país"

Ela foise achegando á proposta paseniño; ao comezo con dúbidas e logo con determinación. Trátase dunha decisión política e hai que ser consecuente con ela, explica. Elena segue, décadas despois, os pasos lingüísticos que defendía con contundencia Carvalho Calero, o homenaxeado nestas Letras Galegas.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/05/2020 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado nestas Letras Galegas do 2020, cría firmemente en que as linguas debían camiñar cara á internacionalización igual que o facía o mundo no que el vivía [“Conversas en Compostela con Carballo Calero” ( M.A. Fernán Vello/ F. Pillado Mayor. Sotelo Blanco Edicións, Barcelona, 1986, p. 182]. "O porvir do galego está en non desvinculalo das outras formas do antigo galego-portugués que se manifestan como linguas de uso extracontinental e que poden reforzar o galego depauperado en catro séculos de colonización lingüística castelá", falaba para a TVG. Súa era a loita de facer do noso un idioma competitivo.

Elena Penas
Elena Penas | Fonte: Elena Penas

E nesta mesma loita de reintegración do galego no portugués seguen hoxe moitas persoas espallas polo territorio. Os pasos lingüísticos de Carvalho Calero deixaron pegada ao longo da historia de Galicia e chegan ata á rapazada máis nova. 

Elena Penas, de 21 anos, baixista de Nuada, estudante de Impresión en Artes Gráficas, é un deses exemplos nos que o reintegracionismo callou aos poucos pero con forza, e sempre fóra das lindes do ámbito educativo. Á espera de poder gravar o segundo EP de Nuada xunto con Marina, Jose e Brais o antes posible e agora tamén como rapeira en solitario, Elena Penas fai da música a canle para "transmitir umha mensagem de luita pola igualdade, polo nosso país e pola nossa classe, e sempre na nossa língua".

Este 17 de maio sería día de saír á rúa para non quedar sen idioma, mais xa que non se pode, que sexan as palabras escritas as que sirvan de reivindicación...

 

Elena Penas durante un concerto de Nuada
Elena Penas durante un concerto de Nuada | Fonte: Elena Penas

O ACHEGAMENTO AO REINTEGRACIONISMO

En que momento da túa vida te achegaches á proposta reintegracionista e como a fuches facendo túa?

Já levava um tempo achegada ao reintegracionismo, mas com muitas dúvidas. Nom foi até faz algo mais dum ano que comecei a utilizar a grafía reintegracionista na súa totalidade. O meu achegamento a esta foi graças ao gram trabalho que fai o movimento reintegracionista de base espalhando esta estratégia. Aprender umha norma que nom che ensinam na escola nom é tam doado, mas há muitos livros e leituras para afondar no tema. O dicionário Estraviz está mui bem para consultar e corrigir dúvidas. Também é umha gram ajuda começar a ler ["Manual de iniciaçom à língua galega" de Maurício Castro Lôpez, "História da Língua em Banda Desenhada", "Estudo crítico das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego" da AGAL, "Quês e porquês do reintegracionismo", "101 falares com jeito" da editora Através...] ou ver as séries e películas em português que antes vías em espanhol. 

Por que te decantaches por ela no canto da proposta RAG? 

Porque considero que o galego e o português som a mesma língua. Polo tanto, é necessária umha norma que, adaptando a ortografía galega, reintegre a nossa língua no âmbito lingüistico do português.

Que compromisos hai detrás desta decisión?

Há um compromiso com o nosso país.

Empregas esta normativa en todos os ámbitos da túa vida?

Nos máximos possíveis dende que tomei a decisom.

A NORMATIVA NA SOCIEDADE E NO ENSINO

Cres que é unha proposta aceptada socialmente? Por exemplo, no teu caso, tes notado incompresión por parte dalgunha persoa do teu entorno?

Sendo realistas, nom o creio. Saíndo um pouco da burbulha dás-te conta de que muita gente nom a vê como umha alternativa ou nom a conhece. Pero para isso estamos, para fazê-la possível. 

Quando decides empregar o reintegracionismo no teu dia a dia sim que atopas travas, mesmo na escola, por pôr um ejemplo. Mas é umha decisom política com a que temos que ser consequentes.

Gustaríache que dende o ensino ofrecesen a posibilidade de aprender esta normativa?

Sim, vejo necessário que se ensine português nas aulas da Galiza, mas nom como umha língua estrangeira, senom como a nossa. Vejo longe a ideia, nom vou mentir, mas acho que é a soluçom para reverter o futuro do galego. 

O FUTURO DA LINGUA

Que cres que mudaría se aceptaramos dunha maneira máis xeneralizada esta proposta? Como pensas que nos beneficiaría?

Teríamos umha norma que fai justiça á nossa língua, que a reintegra no português, afastando-a da espanholizaçom à que atualmente se vê submetida. E ademais, umha língua internacional, longe de ser minoritária e autonómica como nos querem fazer ver, capaz de comunicar-se com mais de 200 milhóns de pessoas do mundo.

Por onde cres que pasa o futuro da nosa lingua? 

O galego, com a situaçom atual, está destinado a sua desapariçom, com as políticas linguísticas jogando na contra e a falta de soberanía política do nosso povo para tomar decisons. Também podemos ver como com a rutura da transmissom intergeracional, acelerou a desgaleguizaçom das jovens. 

Mas há muitas iniciativas surgidas da base social que podem aportar muito à recuperaçom efetiva do galego: âmbitos culturais, desportivos, educativos, musicais, sindicais… fam ver que nom todo está perdido. 

Cómpre achegármonos ao portugués para sobrevivir?

Acho que sim. O reintegracionismo, a força da unidade linguística galego-luso-brasileira, é a única maneira que tem a nossa língua de fugir da espanholizaçom, e polo tanto, de reverter assím o seu futuro.

CARVALHO CALERO

Que importancia cres que ten que este Día das Letras Galegas se lle adique a Carvalho Calero, gran pensador do reintegracionismo?

É mui importante reconhecer a figura de Ricardo Carvalho Calero como reintegracionista e forte defensor da nossa língua e cultura, e também como antifascista e republicano. Se bem é certo que é um gram paso que a Real Academia Galega decidi-se adicar-lhe o 17 de Maio deste 2020, tampouco temos nada que agradecer-lhe, já que leva anos negando a súa homenagem polo simples facto de ser reintegracionista.

Cales serán as túas reivindicacións neste 17 de maio?

O 17 de maio é para sair à rua berrar para que nom nos deixem sem língua. Este ano, pola situaçom atual ocasionada pola crise sanitária do COVID-19, nom podemos fazê-lo do mesmo jeito, assím que haverá que adaptar-se às reinvindicaçons telemáticas que tenha preparadas o movimento associativo. 

E diremos, máis umha vez, que a recuperaçom e normalizaçom do idioma tem que ir acompanhada dum processo de reintegraçom no espaço da lusofonía.

Também cremos necessário que nom se adie a homenagem a Carvalho Calero para o 31 de outubro, já que esta data nom garante que a sua figura seja trabalhada e divulgada como deveria. É por isto que pedimos que se lhe adique o Día das Letras Galegas 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta