O BNG pide investigar o sucedido nas residencias de maiores

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, reclama un novo modelo asistencial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2020 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou de novo este xoves unha "investigación" do que ocorreu durante a crise sanitaria do coronavirus nas residencias de maiores, onde se viviu a "situación máis dura e dramática".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG | Fonte: Europa Press

Tras a reunión con representantes do sector e a deputada Montse Prado, Ana Pontón sinalou que esta situación revelou a necesidade de "repensar" o modelo "mercantilista" dos centros de maiores. "Hai que repensar o modelo e dar explicacións", sinalou, así como pediu atender as demandas dos familiares de persoas residentes, entre elas, estudar como se van poder realizar visitas.

Pontón insistiu en que "fallaron previsión e protocolos" e a Xunta "chegou tarde á hora de abordar esta situación". "Parece que estaba máis pendente da patronal", denunciou Pontón, quen lembrou que das 223 residencias que hai en Galicia, só 24 son de xestión pública e nestes 11 anos "foi incapaz de crear e construír unha soa praza de residencias de maiores".

"Non se pode mercantilizar un trato digno para a vellez", advertiu, antes de pedir un "compromiso para garantir unha volta á normalidade" a estes centros. Así mesmo, pediu "investigar o que pasou": "Non podemos dar por boas as explicacións dadas ata este momento, unha vez que acabe o proceso de desescalada, hai que abrir un proceso para evitar que volva ocorrer no futuro".

A "clave", dixo, é "o cambio de modelo" e que se "poñan as persoas maiores por diante" das empresas privadas e "garantir" a atención desde o ámbito público.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

e mentras tanto seguen presos ? por imperativo legal e ninguén se lembra deles ! https://twitter.com/00Gamela/status... Xa está ben de facer negocio cos vellos, a ver se alguén os trata coma persoas dunha vez !