Comeza a fase final de probas de seguridade do AVE a Galicia entre Zamora e Pedralba

Adif pon a proba o sistema de seguridade ERTMS Nivel 2 a máxima velocidade comercial, 300 quilómetros por hora.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2020 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

Adif realizará entre o 15 e 19 de maio as probas do sistema de seguridade ERTMS Nivel 2 a máxima velocidade comercial —300 quilómetros por hora— en distintos trens entre Zamora e Pedralba de la Pradería, na liña do AVE que unirá a Galicia con Madrid.

Tren AVE
Tren AVE | Fonte: Renfe.

Segundo informa, comprobarase a correcta funcionalidade do sistema en "escenarios análogos" aos de explotación comercial co fin de corroborar a reacción segura. Así, probaranse distintos escenarios: cun tren da serie S-112; en réxime de sucesión de trens e en cruzamento con dous convois da serie S-730.

O trazado entre Zamora e Pedralba, de 110,7 quilómetros de lonxitude, inclúe 14 viadutos, 9 túneles, o Posto de Adiantamento e Estacionamento de Trens de Tábara, a nova estación de Sanabria e un cambiador de ancho en Pedralba de la Pradería.

A correcta análise posibilita o peche do expediente para a posta a disposición do tramo para probas de fiabilidade e formación de maquinistas, tal e como establece a recomendación técnica de 1/2015 da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF) sobre os procesos previos á posta en servizo de novas liñas ou o inicio da explotación de novos tipos de servizos.

Esta última fase de probas desenvólvese tras concluír satisfactoriamente as probas dinámicas de ERTMS N2, a velocidade máxima e co sistema de respaldo ASFA, e unha vez publicado o documento regulamentario que posibilita as probas funcionais finais.

Estas probas realízanse unha vez permitírono as condicións establecidas polo estado de alarma ante o impacto do coronavirus, segundo informa Adif.

Doutra banda, no tramo anterior entre Olmedo e Zamora (en servizo) xa finalizaron as probas de ERTMS N2 realizadas por Adif-AV e estase traballando no peche do expediente para a posta a disposición do tramo para probas de fiabilidade e formación de maquinistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta