Máis de 2.000 firmas reclaman que o alumnado galego non volva ás aulas en maio

O colectivo docente impulsou unha petición en Change.org na que esixen “que non se xogue coa saúde” de toda a comunidade educativa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O colectivo #OPOñomeaestaOPO vén de iniciar unha campaña online de recollida de firmas que suma máis de 2.000 apoios e que solicita que os centros educativos de Galicia non abran neste mes de maio. "As recomendacións sanitarias da Consellería de Educación respecto da volta ás aulas no mes de Maio resúmense en tres liñas: gardar unha separación de dous metros, tusir no cóbado e lavar con frecuencias as mans", explican os creadores de petición en Change.org. "Ante esta situación queremos deixar claro o noso posicionamento totalmente en contra da volta as aulas".

Patio dun colexio pechado. Jesús Hellín - Europa Press
Patio dun colexio pechado. Jesús Hellín - Europa Press

No texto que acompaña a recollida de firmas, as persoas impulsoras enumeran os motivos polos que poñen en marcha a campaña a través dunha serie de preguntas que aínda non teñen resposta da Xunta de Galicia: "É o ensino o único colectivo inmune á COVID-19 e por iso non precisa de material de protección? Cantas aulas están preparadas para ter os 10 nenos separados a metro e medio de distancia? Cada canto tempo se van desinfectar as aulas e o material? Como imos atender os nosos alumnos e alumnas, as súas individualidades e necesidades, se non podemos achegarnos a eles? Como un pequeno de 0 a 6 anos vai gardar a distancia de seguridade? Que pasa cos nenos e nenas con patoloxías previas? Que pasa cos profesores e profesoras que pertencen a un colectivo de risco?". E proseguen: "A quen culpará a Xunta de Galicia se hai contaxios?". 

A través desta petición esixen "opcións reais de conciliación para os pais e nais galegos sen que isto supoña poñer en perigo os seus fillos e fillas". "A saúde dos nenos e nenas galegas non pode estar supeditada á improvisación", e por iso mesmo, reclaman unha "análise profunda" para retomar o curso en setembro con todas as garantías sanitarias. "Que non se xogue coa saúde do colectivo docente", insisten, "pero, sobre todo, que non se xogue coa saúde dos máis pequenos e das súas familias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta